2 de outubro do 2019 O Museo das Peregrinacións e de Santiago presenta a súa programación cultural pensada para todos os públicos

Museo das Peregrinacións e de Santiago

 

O director xeral de Políticas Culturais, Anxo M. Lorenzo, asistiu este luns 30 de setembro á presentación da programación do Museo das Peregrinacións e de Santiago para este outono, que busca converter as instalacións nun espazo destinado a todos os públicos.

O centro museístico porá en marcha a segunda edición de Museo en familia, un programa de actividades que presta especial atención aos/ás máis pequenos/as da casa, así como ao seu contorno familiar. Neste sentido, ao longo deste trimestre conxugarase unha oferta cultural na que contacontos e artistas ofrecerán unha alternativa musical e didáctica para os seráns. A iniciativa acollerá as actuacións musicais de Magín Blanco, Coralie Yap Chine, Mielitza, Rafa Fernández e Rosalía Cid e Juanma Varela; as sesións de contacontos O Paroleiro e Camiño de contos, e obradoiros sobre froitas e verduras, cómics ou monicreques. Tamén se realizarán percorridos guiados polo museo con contacontos e o espectáculo familiar de Xarope Tulú, Estrafalaria.

A programación cultural tamén contempla a realización de actividades de extensión cultural que permitan difundir os fondos da biblioteca do museo e dar a coñecer os seus servizos a través do programa Biblioteca en acción. Para iso, o museo cede parte do seu terceiro andar co obxecto de achegar a biblioteca ás persoas visitantes e facelas partícipes da súa actividade. No marco desta iniciativa organizaranse mostras bibliográficas de temática variada e hoxe presentouse a primeira delas: as guías do Camiño, que amosará a primeira guía coñecida do Camiño de Santiago, o Libro V do Códice Calixtino e un pequeno folleto de consellos sanitarios para camiñantes, entre outros.

O Museo das Peregrinacións e de Santiago tamén potenciará a interacción cos/coas visitantes a través das redes sociais con seis rutas temáticas en Instagram entre os meses de novembro do 2019 e marzo do 2020 e que son as seguintes: Xacobea, Arqueolóxica, Iconografía de Santiago (Apóstolo, peregrino e guerreiro), os Camiños de Santiago, A muller no Museo das Peregrinacións e de Santiago e A peregrinación como fenómeno universal. Cada unha delas está vinculada con sete obxectos emblemáticos da liña temática que están expostos nas salas do museo, polo que o/a visitante poderá facer o seu roteiro con total liberdade.