7 de novembro do 2019 O Museo das Peregrinacións e o Salón Teatro acollen 130 das sesións programadas na 33ª edición de Cineuropa en Santiago

Museo das Peregrinacións e de Santiago

O festival Cineuropa de Santiago anunciou a programación completa da súa 33ª edición, que se desenvolverá do 7 ao 28 de novembro en diferentes localizacións da cidade. Entre elas, dous espazos da Xunta, o Salón Teatro e o Museo das Peregrinacións e de Santiago, que repiten como sedes do encontro para acoller unhas 130 do total de sesións programadas.

O director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), Jacobo Sutil, participou nesta presentación, compartindo mesa co alcalde de Santiago de Compostela, Xosé Sánchez Bugallo; a concelleira de Acción Cultural, Mercedes Rosón; a directora do festival, Laura Seoane; o coordinador da programación, Javier Trigales, e a actriz María Vázquez. Esta última será, xunto a Emma Suárez e a directora Rita Azevedo, unha das profesionais recoñecidas nesta edición, que lle ofrecerá ao público case 200 títulos cunha especial atención a filmes que achegan unha mirada plural e feminina.

Na súa intervención, Sutil deulle a benvida á nova dirección do festival, do que destacou a súa importante traxectoria a prol da difusión cinematográfica e o seu apoio ao audiovisual galego. Este ano, por exemplo, o encontro proxectará 11 películas de produción galega como Arima, Longa Noite ou Eroski Paraíso, ademais de dedicarlle unha sección ás paisaxes urbanas que retrata o cinema galego contemporáneo.

A programación de Cineuropa inclúe tamén 19 estreas de películas a nivel estatal, así como nove preestreas de fitas que chegan a Santiago como parte do seu percorrido por diferentes festivais internacionais.

En canto ás seccións paralelas, este ano lembraranse as carreiras de cineastas como Agnès Varda, Chantal Akerman ou Jonas Mekas, así como a da crítica Pauline Kael. Afondarase tamén na produción de Jessica Hausner, pasaranse películas vinculadas ao cambio climático e analizaranse os criterios para cualificar un filme de feminista.

Os bonos para asistir a esta 33ª edición poden mercarse polas canles habituais de venda de entradas do festival.

Ligazóns

Galería

  • Un momento da presentación de Cineuropa

  • Cartel do festival