Museos de Galicia

27 de febreiro do 2017 O Museo da Construción Naval de Ferrol da Fundación Exponav obtén o recoñecemento da Xunta de Galicia

Embarcación de pesca tradicional do Mar Cantábrico
Embarcación de pesca tradicional do Mar Cantábrico

O Consello da Xunta de Galicia do 23 de febreiro de 2017 acordou o recoñecemento, autorización do Museo da Construción Naval de Ferrol a proposta da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria solicitado pola Fundación para o Fomento do Coñecemento da Construción Naval e das Actividades Marítimas (Exponav)  que é a entidade titular e responsable deste centro.

Dende a entrada en vigor da primeira Lei do Patrimonio Cultural de Galicia no ano 1995, ata o de agora, son 22 os museos e coleccións visitables recoñecidos en Galicia (3 museos e 19 coleccións visitables). O Museo da Construción Naval é o primeiro museo de iniciativa privada que se recoñece xa que, tanto o Museo Massó como o Museo Pedagóxico de Galicia, son museos de titularidade pública creados pola Xunta de Galicia nos anos 2002 e 2005 respectivamente.

O Museo da Construción Naval foi creado co propósito de servir de lugar de encontro entre a sociedade, a industria e a comunidade científica para divulgar o desenvolvemento das  técnicas de construción dos buques e os materiais empregados, presentando os diversos aspectos relacionados con esta materia: dende a evolución das tecnoloxías e ferramentas ata o momento máis importante dun barco, a botadura e a navegabilidade  posibilitando a comprensión desta tecnoloxía e o coñecemento do noso pasado naval.

Obxectivos e colección

Os obxectivos da Fundación Exponav e por tanto do museo, recóllense no seguintes tres puntos:

  1. Reunir, expoñer e conservar o patrimonio técnico e documental relativo á construción naval e ao sector marítimo.
  2. Propiciar actividades complementarias relacionadas co mar e a construción naval.
  3. Realizar as demais funcións, de similar natureza ás anteriores, que se consideren convenientes ao cumprimento dos fins da Fundación.

O Museo da Construción Naval posúe fondos museográficos e documentais do patrimonio marítimo e industrial de gran valor xa que constitúen unha colección única no seu ámbito que permite coñecer o desenvolvemento da construción naval militar e civil en España dende o século XVIII ata os nosos días, facendo fincapé no papel que desempeñou Ferrol neste eido.

A propia sede do museo, o edificio de Ferrerías que forma parte do conxunto histórico do Arsenal de Ferrol, deseñado por Julián Sánchez Bort en 1765 no seu momento para a construción das pezas de ferro tanto da estrutura como do equipamento e decoración dos barcos, identifícase completamente co ámbito e a temática do museo, convertendose nun elemento fundamental do discurso expositivo e o escenario ideal para a exposición da colección.

Discurso expositivo

A exposición en si acolle unha importante colección de elementos propios desta disciplina dende o século XVIII ata os nosos días e ofrécenos unha visión divulgativa sobre os fitos históricos máis relevantes relacionados con esta actividade en España. Tomando como punto de partida o arsenal real do século XVIII o discurso expositivo céntrase na divulgación da historia e a memoria dunha actividade que enlaza na actualidade cos estaleiros modernos de Astano, Bazán e navantia. O Museo consta de dúas plantas dedicadas à Historia da Construción Naval. A Planta baixa é un percorrido polas diversas técnicas de construción e os servizos máis esenciais dun buque. Destaca o pecio da Fragata Magdalena, afundida na ría de Viveiro no ano 1810 e recuperada pola Armada Española nos anos 70 e 80 do pasado século.

Na planta superior atópase a Sala de Exposicións Temporais e unha serie de salas temáticas como a dedicada ao estaleiro Astano, denominada Milagre na Ría. Outras salas son as dedicadas á Armada, os seus Buques e as súas Escolas; as Navieras, os Portos, etc.

 

Galería

  • Edificio Ferrerías no arsenal de Ferrol, sede do Museo da Construción Naval

    Edificio Ferrerías no arsenal de Ferrol, sede do Museo da Construción Naval

  • Reprodución da caderna mestra da fragata Magdalena afundida na Ría de Viveiro en 1810

    Reprodución da caderna mestra da fragata Magdalena afundida na Ría de Viveiro en 1810

  • Conxunto escultórico con modelos de carenas empregados no canal de experiencias Hidrodinámicas de El Pardo

    Conxunto escultórico con modelos de carenas empregados no canal de experiencias Hidrodinámicas de El Pardo

  • Traiñeira de competición

    Traiñeira de competición "Vila de Bouzas"

  • Motor Ayón fabricado en Noia

    Motor Ayón fabricado en Noia

  • Modelo de proa e manobra de fondeo do Porta-aeronaves Príncipe de Asturias

    Modelo de proa e manobra de fondeo do Porta-aeronaves Príncipe de Asturias

  • Área dedicada ao asteleiro Astano: reprodución da grúa pórtico

    Área dedicada ao asteleiro Astano: reprodución da grúa pórtico