Museos de Galicia

30 de marzo do 2017 O Museo de Belas Artes inaugura unha exposición sobre a arquitectura “low cost” de mediados do século pasado

Museo de Belas Artes da Coruña

O Museo de Belas Artes da Coruña abre as portas da nova exposición temporal “California Dreaming” na que ofrece “unha fascinante historia da vivenda de baixo custo a través de dez insólitas biografías”. Este é o subtítulo da mostra, que aborda un tema descoñecido da arquitectura e do deseño da segunda metade do século XX, tendo en conta que os arquitectos representados son referentes na arquitectura dos nosos días.

Comisariada por Pedro de Llano, “California Dreaming” achégase ao mundo da arquitectura doméstica en tempos de crise, mediante a divulgación dunha serie de deseños considerados referentes do sentido común e da innovación, realizados por arquitectos que traballaron na zona de California entre os anos 1920 e 1950 no marco dunha iniciativa pioneira que se desenvolveu para facer vivendas unifamiliares funcionais e económicas: o Case Study Houses Program.

A través de dez biografías, entre as que se inclúen a do arquitecto Rudolph Schindler, iniciador do movemento, a do seu continuador Gregory Ain ou a do gran promotor e impulsor daquela corrente, John Entenza, ‘California Dreaming’ presenta esta experiencia arquitectónica baseada en formulacións sustentables e racionais.

A exposición foi presentada o mércores 29 de marzo en rolda de prensa polo secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, xunto co comisario da mostra, Pedro de Llano, e da directora do Museo, Ángeles Penas.

Organizada pola Escola Técnica Superior de Arquitectura da Universidade da Coruña, co apoio do Museo e do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia, a mostra inaugurouse o xoves 30 de marzo e poderá visitarse ata o 4 de xuño.

Galería

  • Inauguración da exposición California dreaming

    Inauguración da exposición California dreaming

  • Sala da exposición California dreaming

    Sala da exposición California dreaming