Museos de Galicia

26 de xuño do 2017 O Museo de Belas Artes da Coruña revisará en outono os temas e a iconografía da obra de Alfonso Sucasas

Museo de Belas Artes da Coruña

O Museo de Belas Artes da Coruña exhibirá este vindeiro outono unha exposición que revisará a lectura da obra de Alfonso Sucasas, a través de novas liñas de interpretación do seu traballo e co fin de coñecer mellor os postulados desde os que pintaba, os seus intereses e as súas inquedanzas. Así o anunciaron esta mañá, no día no que se cumpren cinco anos do pasamento do artista, o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo; a directora do museo, Ángeles Penas; a viúva de Sucasas, María Espinosa Borrego, e mais o comisario da exposición, Miguel Fernández-Cid.

“Sucasas é un referente indiscutible da mellor plástica galega”, afirmou durante a rolda de prensa Anxo Lorenzo, quen se referiu ao pintor dezao como un artista que destilou “un estilo propio e inconfundible, cunha temática galega que agroma do romántico, con figuras recorrentes nas súas obras e cunha fonda referencia ás raíces rurais”.

Unha singular homenaxe
Segundo explicou Anxo Lorenzo, desde a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria iniciamos un proxecto expositivo que vai ter a súa casa neste Museo de Belas Artes, como homenaxe singular ao pintor e, sobre todo, para difusión da súa obra, tamén daquela descoñecida”.

Un percorrido pola temática e a iconografía do artista
Alfonso Sucasas. Unha revisión repasará os temas e a iconografía do artista, analizando o que pode haber detrás deles. A mostra nace a partir dunha nova análise duns datos biográficos obxectivos, dunha revisión dos xuízos aceptados como comúns, das palabras do artista –en entrevistas, cartas etc.–, do estudo da súa obra e do rescate dalgúns traballos ata agora pouco valorados. Neste sentido, a exposición repasará a temática da obra do artista e a súa iconografía, cun destacado protagonismo dos mitos, da relixión, dos personaxes e da condición humana.