13 de setembro do 2017 O Museo de Belas Artes da Coruña incorpora á súa exposición permanente a obra "O discurso" de Isaac Díaz Pardo

Museo de Belas Artes da Coruña

O Museo de Belas Artes da Coruña incorpora á súa exposición permanente a obra O discurso, de Isaac Díaz Pardo, que se pode visitar na sala dedicada á arte galega do século XX. O cadro, realizado polo intelectual e galeguista compostelán, foi cedido pola Deputación Provincial da Coruña o pasado mes de xaneiro para a súa exhibición pública no centro museístico da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.

Segundo afirmou esta mañá o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, durante a rolda de prensa de presentación da obra, no marco desta colaboración institucional coa Deputación da Coruña, o Museo de Belas Artes da Coruña amplía a súa colección coa obra dunha figura fundamental da arte e da cultura galegas do século XX, concretamente un dos membros máis novos do denominado grupo dos Renovadores, que constituíu unha xeración clave na modernización da pintura en Galicia.

Nun acto no que tamén participaron o presidente e a vicepresidenta da Deputación, Valentín González e Goretti Sanmartín, respectivamente; a directora do museo, Ángeles Penas; e Xosé e Camilo Díaz Arias de Castro, fillos de Díaz Pardo, o secretario xeral salientou a oportunidade que supón a exhibición pública da obra en Belas Artes. “A partir de agora –dixo–, a cidadanía vai ter a posibilidade de contemplar esta obra nun centro museístico de referencia, tal e como merece a figura de Díaz Pardo”.

Cunhas dimensións de 1,66 x 1,96 metros, a peza O discurso está datada na década dos 40, década na que Isaac Díaz Pardo abandona a influencia da pintura académica para decantarse por un estilo cada vez máis personalizado. Como ocorre co resto de obras desta época, o tema central é a figura humana, recreada en amplos volumes e cun gran protagonismo do debuxo.

O compromiso social que caracterizou a traxectoria vital e profesional de Isaac Díaz Pardo plásmase neste cadro, cuxo título eufemístico d’O discurso fai referencia a un mitin na España da ditadura franquista.

Díaz Pardo no Museo de Belas Artes

Ademais de ampliar a colección permanente, coa incorporación á súa colección da obra O discurso, o Museo de Belas Artes da Coruña enriquece e completa a presenza de Díaz Pardo nela, representada na actualidade por tres pezas de pequeno formato: os óleos Nu e Xentes que ollan –o primeiro foi un depósito do propio autor e o segundo, unha doazón de Maruxa Seoane, muller do pintor Luís Seoane– e mais a pintura sobre madeira Cruz con Santiago Peregrino, doada por José Seijo Rubio.

En 1944 a Deputación da Coruña realizou o primeiro depósito de obras na antiga sede do Museo de Belas Artes, con pezas de Ovidio Murguía, Imeldo Corral e Juan Luis López. Desde ese ano, a Administración provincial realizou diversos depósitos de destacados artistas galegas, entre eles, Laxeiro, Felipe Bello, Carlos Maside, Prieto Nespereira, ou Manuel Colmeiro, así como doutros autores de referencia como Francisco Goya, coa cesión de álbums de gravados do artista en 1983, concretamente, 80 estampas da serie ‘Los desastres de la guerra’ e outras 80 estampas da serie ‘Los caprichos’).