Ir o contido principal

O Museo de Belas Artes da Coruña amplía a súa colección coa obra O discurso, de Díaz Pardo

Imaxe da presentación

O Museo de Belas Artes da Coruña vai incorporar á súa colección a obra ‘O discurso’, de Isaac Díaz Pardo, despois de que a Deputación da Coruña cedese o cadro realizado polo intelectual e galeguista no ano 1946 á Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia. A cesión favorecerá o acceso da cidadanía a esta obra a través do devandito museo de xestión autonómica.

O secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo; o presidente e a vicepresidenta da Deputación, Valentín González e Goretti Sanmartín, respectivamente; e a directora do Museo de Belas Artes, Ángeles Penas, participaron hoxe no acto de cesión desta obra artística de gran valor, realizada por unha figura excepcional da cultura galega como é Díaz Pardo, tanto desde o punto de vista artístico como desde a súa faceta fundamental de promotor empresarial e cultural. Así o asegurou o secretario xeral de Cultura, quen destacou “a conservación, a posta en valor e a difusión do noso patrimonio cultural” como os principais obxectivos desta colaboración institucional entre os gobernos autonómico e provincial.

Segundo explicou Anxo Lorenzo, o depósito do lenzo no Museo de Belas Artes facilitará o acceso á obra por parte de toda a cidadanía, que proximamente se poderá visitar na sala de arte galega do século XX do museo.

Díaz Pardo no Museo de Belas Artes

Ademais de ampliar a colección permanente, coa incorporación á súa colección da obra ‘O discurso’, o Museo de Belas Artes da Coruña enriquece e completa a presenza de Díaz Pardo nela, representada na actualidade por tres pezas de pequeno formato: os óleos ‘Nu’ e ‘Xentes que ollan’ –o primeiro foi un depósito do propio autor e o segundo, unha doazón de Maruxa Seoane, muller do pintor Luís Seoane– e a pintura sobre madeira Cruz con Santiago Peregrino, doada por José Seijo Rubio.

“Ese home excepcional que foi Díaz Pardo pintou ‘O discurso’ na mesma década na que nacía a colaboración entre a Deputación da Coruña e o Museo de Belas Artes”, explicou o secretario xeral. Foi concretamente en 1944 cando se produciu o primeiro depósito de obras na antiga sede do museo, con pezas de Ovidio Murguía, Imeldo Corral e Juan Luis López.

Desde entón, foron diversas as pezas que a Deputación depositou na colección permanente do museo, de autores e de autoras galegos de referencia como Laxeiro, Prieto Nespereira, Felipe Bello, Carlos Maside ou Manuel Colmeiro, así como doutros autores fundamentais como Francisco Goya, coa cesión de álbums de gravados do artista en 1983, concretamente, 80 estampas da serie ‘Los desastres de la guerra’ e outras 80 estampas da serie ‘Los caprichos’.

Cunhas dimensións de 1,66 x 1,96 metros, a peza ‘O discurso’ está datada en 1946, década na que Isaac Díaz Pardo abandona a influencia da pintura académica para decantarse por un estilo cada vez máis personalizado. Como ocorre co resto de obras desta época, o tema central é a figura humana, recreada en amplos volumes e cun gran protagonismo do debuxo.