14 de outubro do 2019 O Museo de Belas Artes amosa a investigación sobre unha obra de Collantes na exposición "Pinceladas ocultas"

Museo de Belas Artes da Coruña

O director xeral de Políticas Culturais, Anxo M. Lorenzo, presentou o venres 11 de outubro a exposición "Pinceladas ocultas", o resultado dun proceso de investigación realizado no Museo de Belas Artes da Coruña sobre a obra Arrepentimento de San Pedro, de Francisco Collantes, doada ao museo en 1951 polo escritor ferrolán Ramón Goy de Silva.

O proxecto xorde da colaboración entre o Museo de Belas Artes e a Universidade de Santiago de Compostela para o estudo e a restauración da obra, o que deu lugar ao descubrimento dunha imaxe oculta cunha iconografía diferente á que percibimos á primeira ollada e que dá orixe á exposición.

Anxo M. Lorenzo destacou que se trata dunha mostra nova en canto aos contidos: por unha banda explícase o proceso de restauración ao que se someteu o cadro no laboratorio do Museo, e por outra, o significado desa iconografía, tanto da visible como da oculta, a través de obras artísticas relacionadas coa súa temática e contexto histórico.

A exposición acompáñase de obras cedidas polo Museo Nacional do Prado, a Biblioteca Nacional de España e a Real Academia Galega de Belas Artes, unha serie de óleos e gravados que polo seu interese iconográfico ilustran os conceptos culturais e relixiosos da época do pintor e preséntanse como puntos de reflexión para ofrecer a interpretación da figura oculta do lenzo. Tamén se poderá contemplar un exemplar da Biblia Políglota Complutense pertencente á colección do Museo.

Catálogo e visitas

A mostra, de carácter temporal, sitúase nunha sala da exposición permanente do Museo e inclúe unha proxección na que se aprecia o estado de conservación do cadro e o estudo e a análise efectuados que permitiron determinar os criterios de intervención no proceso restaurador.

A exposición permanecerá aberta ata o 15 de decembro co seguinte horario: de martes a venres de 10.00 a 20.00 h; os sábados de 12.00 a 14.00 e de 16.30 a 20 h, e os domingos de 10.00 a 14.00 h. Cóntase cun programa de visitas guiadas para grupos de escolares e adultos/as e proximamente estará dispoñible o catálogo da mostra para os/as visitantes.