27 de novembro do 2014 O lenzo Os Satélites exhíbese en Ourense nunha mostra sobre Parada Justel

Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense

Os Satélites
Os Satélites

A exposición Os satélites. Parada Justel inaugurouse hoxe coa presenza do conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad. Organizada polo Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense, permanecerá aberta ao público até vindeiro 2 de febreiro no Centro Municipal José Ángel Valente, sito na antiga sede do Banco de España. Segundo Vázquez Abad, a mostra pon de relevo “o inmenso valor artístico da obra de Parada Justel, pero tamén a forma na que, pacientemente, imos construíndo novos espazos, para sentir o orgullo de pertencer a esta terra”.

O titular de Cultura e Educación asegurou que esta mostra resulta “unha xustísima homenaxe a un membro da extraordinaria Xeración Doente, dese grupo de catro xenios: Ovidio Murguía, Xaquín Vaamonde, Jenaro Carrero e, por suposto, o propio Ramón Parada Justel que, nas súas vidas, tan fugaces, racharon os moldes da plástica do seu tempo e asinaron lenzos que os sitúan nun cumio pictórico perenne, recoñecible como galego e de alcance universal”. Finalmente, Xesús Vázquez Abad felicitou ao director e o equipo do Museo Arqueolóxico de Ourense, aos profesionais que acometeron a restauración do lenzo e montaxe da mostra, e ás diversas administracións e institucións colaboradoras.

Ao acto, asistiron ademais o alcalde de Ourense, Agustín Fernández; o delegado da Xunta na provincia, Rogelio Martínez; e a xefa territorial da Consellería, Mercedes Gallego; e o comisario da exposición e director do Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense, Xulio Rodríguez.

Os satélites, medalla Nacional de 1899
Esta exposición ten como obxectivo divulgar o lenzo Os satétites, unha das obras máis senlleiras do pintor ourensán nado en Esgos, Ramón Parada Justel (1871-1902). Trátase dun cadro de gran formato, premiado cunha medalla na Exposición Nacional de 1899, que permaneceu nunha colección particular e recentemente foi adquirido pola Xunta de Galicia, pasando a incorporarse nas coleccións do Museo Arqueolóxico ourensán.

A exposición, que se vertebra arredor do excepcional lenzo Os Satélites, complétase con outras dezasete pezas do pintor, unha escolma que pretende achegar ao público un percorrido pola súa traxectoria artística. A mostra inclúe unha serie de paneis que explican o minucioso proceso de restauración ao que foi sometida a obra, que recupera así a súa forza e beleza orixinal.

O Museo ofrecerá diariamente e en dúas quendas, ás 12 e ás 20 horas, visitas guiadas gratuítas á exposición. Nestas darase a coñecer o cadro Os satélites, explicando o seu recente proceso de restauración, e farase un percorrido pola obra pictórica de Ramón Parada Justel para divulgar a súa traxectoria artística.