Ir o contido principal

O CGAC presenta unha exposición do arquitecto Alejandro de la Sota con motivo do centenario do seu nacemento

Xesús Vázquez Abad na presentación das novas exposicións do CGAC

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, presentou esta mañá as novas exposicións do Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC), un total de catro mostras que poderán visitarse no centro desde esta tarde, dedicadas á arquitectura de De la Sota, á Colección CGAC, á obra de Misha Bies Golas e á fotografía de Paco Rocha. Durante a rolda de prensa o conselleiro estivo acompañado polo secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo; polo director do centro, Miguel von Hafe; e polo comisario da mostra de De la Sota, Moisés Puente. O acto de apertura das exposicións realizarase esta tarde ás 20 horas, coa presenza do secretario xeral e do director do CGAC.

Percorrido por De la Sota
A primeira planta do centro albergará ata o vindeiro 15 de xuño ‘100 anos con Alejandro de la Sota’, unha exposición conmemorativa organizada en colaboración coa Fundación Alejandro de la Sota e a Fundación ICO. A mostra realiza un extenso percorrido pola vida, a obra e o maxisterio do arquitecto pontevedrés, unha das figuras coa traxectoria máis relevante e intensa da historia recente da arquitectura española, que se adscribiu na posguerra española aos postulados da modernidade europea e americana en conexión coa obra de arquitectos como Mies van der Rohe.

A exposición, que conta con material biográfico, debuxos, bocetos, fotografías, maquetas e mobles deseñados por el e custodiados pola súa fundación, fai un percorrido pola súa traxectoria, parándose nas diferentes etapas da súa produción.

Alejandro de la Sota (Pontevedra, 1913- Madrid, 1996) está considerado como un dos mestres da arquitectura española do século XX, labor polo que recibiu numerosos premios nacionais de arquitectura e a Medalla de Ouro ao Mérito das Belas Artes. A súa obra, coñecida internacionalmente, foi obxecto de exposicións en lugares como a Universidade de Harvard ou a Architectural Association de Londres.

Profesor na Escuela Técnica Superior de Arquitectura de Madrid (ETSAM), a súa estela serviu de referencia a varias xeracións de arquitectos españois. Tras obter o título de arquitecto en 1941, traballou no Instituto Nacional de Colonización, unha etapa que culminou coa construción do pobo de Esquivel (Sevilla, 1952-1963) e a casa Arvesú (Madrid, 1953-1955). A partir de entón marca unha liña de traballo que precede ao Goberno Civil de Tarragona (1957-1964), considerada a súa obra mestra. Nesa prolífica época realiza ademais a súa obra máis recoñecida, o Ximnasio do Colexio Maravillas (Madrid, 1960-1962) considerado polo crítico británico William Curtis a obra máis salientable da arquitectura española contemporánea. Na década dos sesenta explora as posibilidades de novos materiais en obras como a Casa Varela en Vilalba (Madrid, 1964-1968); culminando a súa traxectoria nos oitenta co edificio de Correos e Telecomunicacións en León (1981-1984).

Actividade expositiva
Ademais, Vázquez Abad presentou hoxe outras tres mostras que poderán visitarse do 16 de abril ao 15 de xuño de 2014 neste espazo. Baixo o título ‘Col.’ e comisariada por Miguel von Hafe as salas da planta baixa do centro abriranse ao público cunha mostra sobre as últimas adquisicións da Colección CGAC centrada na obra de artistas galegos, nacionais, portugueses e latinoamericanos como François Bucher, Fermín Jiménez Landa, André Sousa, André Cepeda, Suso Fandiño, Vicente Arrieta, Usue Arrieta & Vicente Vázquez, Chelo Matesanz, Fabio Morais, Waltercio Caldas, Pamen Pereira, Patricia Esquivias, Loreto Martínez Troncoso, Gabriel Pericás e José Luis Seara.

Así mesmo, o CGAC acollerá ‘27 Negros’, do artista galego Misha Bies Golas, unha obra coral integrada por 27 monocromos negros composta por 27 artistas (Teo Soriano, Nacho Martín Silva, Carlos Maciá, Mikeldi Pérez Urkijo, Nuria Fuster, Alain Urrutia, Antonio González, Din Matamoro, Miren Doiz, Manuel Eirís, Julia Spínola, Guillermo Pfaff, José Manuel Vidal Vidal, Ion Macareno, Amaya González Reyes, Kiko Pérez, Xoan Torres, Juan López, Ian Waelder, Diego Vites, Jorge Varela, Dai KS, Kepa Garraza, Vítor Mejuto, Ángela Cuadra, Suso Fandiño e Mar Vicente).

Ademais, o centro albergará a exposición fotográfica ‘Naturalmente humano’, de Paco Rocha, comisariada por Christina Ferreiro.