18 de novembro do 2014 O CGAC exhibe máis de 40 pezas da súa colección

Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC)

Peza da exposición
Peza da exposición

O Centro Galego de Arte Contemporánea abre mañá ao público a exposición Hospitalidade, cunha selección de máis decorenta obras da Colección CGAC, a mostra poderá visitarse até o 8 de marzo do vindeiro ano na planta soto do centro.

É a derradeira exposición comisariada polo director do centro, Miguel von Hafe, que baixo o título Hospitalidade, convida ao público a visitar o museo como unha praza máis da cidade na que os artistas- como os cidadáns- reflexiona sobre conceptos como a morte, a indiferenza, o real, a ficción, a vontade de superación colectiva, o amor, o inesperado ou o posicionamento político, nunha tesitura tan complexa como a propia vida.

A mostra recolle a obra de vinte e dous artistas de diversas disciplinas e procedencias na busca dunha vinculación entre a súa produción artística e o museo pensado como espazo público, de liberdade e de confrontación crítica coa realidade.

Os artistas que participan na exposición son: Antoni Abad, Lara Almarcegui, Helena Almeida, Juan Araujo, David Bestué & Marc Vives, Robert Breer, Pedro Cabrita Reis, Rui Calçada Bastos, Jota Castro, Ângela Ferreira, Alicia Framis, Anna Bella Geiger, Liam Gillick, Jonathan Hernández, Jirí Kovanda, Guillaume Leblon, Carlos Maciá, Rubens Mano, Peter Piller, Rubén Ramos Balsa, Frank Thiel e Mauro Trastoy.