22 de marzo do 2014 O CGAC abre a exposición 'The mind on fire', do artista estadounidense James Welling

Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC)

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria presenta no Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC) a primeira individual institucional de James Welling en España. The Mind on Fire é o título desta exposición do artista estadounidense, que poderá visitarse no CGAC desde hoxe ata o próximo 16 de xuño.

A mostra, que foi presentada esta mañá polo secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo; polo director do CGAC, Miguel von Hafe; e mais polo comisario, Anthony Spira; conta con máis de cento cincuenta obras que recrean algunhas das principais exposicións neoiorquinas deste artista nos anos oitenta. A través desta exposición, o artista reflicte a evolución da súa linguaxe abstracta e a súa experimentación con efectos fotográficos.

Xunto con figuras como Barbara Kruger e Cindy Sherman, Welling foi membro da Pictures Generation; un grupo de artistas radicado en Nova York moi influente na década dos setenta e oitenta que logrou que a fotografía fose integrada pouco a pouco como a disciplina máis popular da arte contemporánea.

Achegamento á esencia da percepción
A exposición inclúe colaxes, cadros, notas e outros obxectos de vocación experimental nos que o autor cuestiona os parámetros da fotografía poñendo o acento en cómo vemos por enriba do que vemos. Welling traballa con motivos simples e repetitivos cos que pretende aproximarse á esencia da percepción.

Esta tarde, ás 20:00 horas, o secretario xeral de Cultura inaugurará de xeito oficial a exposición.