7 de novembro do 2019 Novo convenio de Cultura e Turismo e o Museo do Pobo Galego para o impulso de actividades

O conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, e o presidente do Padroado do Museo do Pobo Galego, Justo Beramendi González, asinaron o 25 de outubro un convenio de colaboración co obxectivo de impulsar as actividades culturais que se desenvolven no Museo do Pobo Galego, un espazo cargado de forte simbolismo e un emblema para Galicia e a cidade de Santiago de Compostela.

Trátase dun acordo dotado con máis de 320.000 euros que permite seguir avanzando no obxectivo de ofrecer unha programación pensada para todos/as os/as galegos/as, así como para os milleiros de peregrinos/as e turistas de todas partes do mundo que visitan a comunidade. O titular de Cultura e Turismo explicou que a finalidade desta colaboración é xerar, xunto co Centro Galego de Arte Contemporánea, “un polo tractor para o turismo e a cultura nesta parte da cidade”.

Obras de ampliación

Ademais, a preguntas dos medios de comunicación, Román Rodríguez avanzou que está previsto que as obras de ampliación do Museo do Pobo Galego comecen en novembro e que as actuacións estean rematadas no próximo verán. “Trátase dunha obra licitada polo Consorcio da cidade de Santiago na que colaboramos o Estado, a Xunta e o Concello de Santiago. Xuntos aportamos os case 3 millóns de euros precisos para levar a cabo esta ampliación”, afirmou o titular de Cultura e Turismo.

Esta ampliación permitirá que o Museo conte cunha nova á dedicada á nosa historia máis recente. A nova museografía está xa contemplada nos Orzamentos da Xunta para o ano 2020, cunha partida inicial de 200.000 euros.