Ir o contido principal

Inaugúrase unha praza na Coruña co nome de Emilia Pardo Bazán

Cartel da inauguración da praza

A Casa Museo Emilia Pardo Bazán, a través da Real Academia Galega, continúa coa difusión da figura e a obra de quen foi unha das escritoras máis destacadas do seu tempo.

O centro comercial Marineda City da Coruña homenaxea desde a súa apertura a Emilia Pardo Bazán no propio nome que leva, xa que foi Marineda o inventado pola escritora para referirse á Coruña nas súas novelas. Agora este centro conta co nome da escritora na praza situada na planta baixa do seu interior, inaugurada o 11 de abril no marco do acordo de colaboración entre a Real Academia Galega, a través da Casa Museo Emilia Pardo Bazán, e Marineda City para difundir a figura e a obra de quen foi unha das escritoras europeas máis destacadas do seu tempo.

Na celebración presentouse un libriño editado para a ocasión que escolma oito contos da autora protagonizados por mulleres, ás que lles deron vida outras tantas actrices.

A conservadora da Casa Museo Emilia Pardo Bazán, Xulia Santiso, salientou tamén o carácter pioneiro da intelectual: "Foi unha muller fóra do seu tempo e gañou por dereito propio un lugar no cumio da intelectualidade ilustrada do século XIX", expresou. Unha das institucións que recoñeceu a súa relevancia foi a Real Academia Galega, que a nomeou presidenta honoraria o ano da súa fundación, en 1906. "Este feito que deu lugar a que a súa derradeira herdeira doase a residencia familiar da rúa Tabernas como sede da RAG", explicou, inmoble que tamén acolle a súa Casa Museo.