9 de abril do 2014 Inaugúrase no Museo das Peregrinacións e de Santiago unha exposición fotográfica sobre o Camiño de San Francisco

Museo das Peregrinacións e de Santiago

Este venres 11 de abril ás 19 h na Casa Gótica inaugurarase a exposición "Il Cammino di Francesco. Fotografía se Steve McCurry". A mostra, que reúne medio cento de fotografías de Steve McCurry, poderase visitar ata finais de maio.

Con motivo da celebración do VIII Centenario da Peregrinación de San Francisco de Asís a Compostela, a Axencia de Turismo de Galicia, a través da S.A. de Xestión do Plan Xacobeo, organizou, xunto coa Comune di Rieti (Lazio, Italia), unha exposición sobre o itinerario vital e espiritual do santo de Asís titulada “Il cammino di Francesco. Fotografías de Steve McCurry”, composta por 50 fotografías de 70x100 cm. Steve McCurry é un dos fotoxornalistas actuais máis recoñecidos polas súas reportaxes de guerra e os seus traballos para National Geographic.

O camiño de San Francisco é un camino de peregrinación que recrea as experiencias deste no Val de Rieti, preto de Asís e La Verna, unha das súas tres patrias. Desenvólvese a través dun fermoso val, rodeado de outeiros e montañas, que era por entón coñecido como o Val Sagrado. San Francisco escolleu este val como escenario de tres episodios fundamentais da súa vida: en 1223 montou o primeiro Belén no Nadal dese ano, realizado en arxila, para explicar como foi o nacemento de Cristo; o mesmo ano escribiu a Regra definitiva da Orde e, probablemente, compuxo o himno Cántico das Criaturas. O Camiño denominado de San Francisco é o camiño que o Espírito realiza neste Val Sagrado a través deses camiños e carreiros que San Francisco amaba.

A exposición será inaugurada por Nava Castro Domínguez, directora de Turismo de Galicia; Rafael Sánchez Bargiela, xerente do Xacobeo; Mª Carmen Martínez Ínsua, directora xeral do Patrimonio Cultural; e Bieito Pérez Outeiriño, director do Museo das Peregrinacións e de Santiago. Como representantes das institucións italianas asistirán á inauguración Eugenio Patané, presidente da  Commissione Cultura, da rexión de Lazio; Giorgio Piccirillo, presidente de I Cammini di Francesco; o alcalde de Rieri, Simone Petrangeli; a responsable do Progetto ABC (Arte Bellezza Cultura), Giovanna Pugliese; e o concelleiro de cultura de Rieti, Diego di Paolo.