Museos de Galicia

15 de marzo do 2017 Inaugúrase no Museo das Peregrinacións e de Santiago a exposición "Na procura do pasado"

Museo das Peregrinacións e de Santiago

A exposición “Na procura do pasado” recupera o labor das principais figuras que impulsaron a  arqueoloxía na provincia de Ourense dende o século XIX ata a pasada década dos anos 70. Foi inaugurada o 14 de marzo no Museo das Peregrinacións e de Santiago o polo secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo; pola directora xeral do Patrimonio Cultural, María Carmen Martínez Insua; polo alcalde de Ourense, Jesús Vázquez; polo director do museo, Bieito Outeiriño, e polo director do Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense (MAPOu), Xulio Rodríguez.

A mostra, pretende dar unha visión das principais figuras que levaron a cabo a práctica da arqueoloxía desde finais do século XIX ata os anos 70 do século XX. Neste labor destacan os nomes de Marcelo Macías, Arturo Vázquez Núñez, Manuel Díez Sanjurjo, Florentino López Cuevillas, Xaquín Lorenzo Fernández, Xesús Ferro Couselo, Xesús Taboada Chivite, Conde Valvís, Rubén García Álvarez, Manuel Chamoso Lamas e Laureano Prieto, entre outros.

A exposición recolle fotografías destes pioneiros así como pezas arqueolóxicas directamente relacionadas coa súa actividade e que forman parte dos fondos do Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense, como o guerreiro de Armeá, o sedente de Xinzo, a tábula de Castromao e o mosaico da Cigarrosa, entre outras.

A exposición é unha produción propia do Museo Arqueolóxico de Ourense, que, logo da súa exhibición na Sala de exposicións de Afundación en Ourense, agora itinera para transmitir ao maior público posible a importancia deste tema para toda a arqueoloxía galega.

“Na procura do pasado” poderá visitarse no Museo das Peregrinacións e de Santiago ata o próximo 28 de maio na sede da praza das Praterías.

 

Galería

  • Peza da exposición

  • Peza da exposición

  • Peza da exposición

  • Peza da exposición