26 de decembro do 2019 Feijóo avanza que a nova Lei de museos dará todo o protagonismo que merecen estes espazos, tendo en conta a súa dimensión social, investigadora, pedagóxica e económica

Na rolda de prensa do Consello do 19 de decembro, Feijóo explicou que a nova Lei de Museos terá unha dobre finalidade: regular o réxime xurídico de todos os centros de natureza museística de Galicia -museos, coleccións museográficas e centros de interpretación do patrimonio cultural da Comunidade- e a posta en marcha do Sistema galego de centros museísticos.

Cómpre subliñar que esta norma, que acaba de ser sometida ao trámite de audiencia e información pública, o que serviu para incorporar as achegas de diferentes colectivos, será remitida ao Parlamento para o seu debate e tramitación, coa previsión de que poida ser aprobada no primeiro semestre do ano que vén.

Con ela, ademais, o Goberno galego culmina a articulación normativa das institucións culturais de referencia. Non en van, na última década aprobouse a Lei de bibliotecas (2012), a Lei de arquivos e documentos (2014) e, noutra orde, pero tamén vencellado aos arquivos, bibliotecas e museos, aprobouse a Lei do patrimonio cultural (2016).

Pola súa banda, o conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, salientou que se trata dun texto legal “de marcado carácter técnico” que nace co obxectivo de estruturar o funcionamento das 93 institucións museísticas que existen na comunidade, e entre as que figuran dotacións de diversa índole como casas-museo, ecomuseos ou emprazamentos etnográficos e arqueolóxicos, entre outros.

Deste xeito, segundo Román Rodríguez, esta nova norma “suporá un antes e un despois” na xestión dos museos da Comunidade, xa que servirá para “mellorar e harmonizar” a organización dos diferentes centros e potenciar o seu papel como activos de referencia no plano social, científico, educativo e económico.

Neste sentido, o titular de Cultura e Turismo subliñou o compromiso da Xunta con estas institucións culturais e avanzou que o Goberno galego investirá 36 millóns de euros ata 2022 para garantir o seu funcionamento, dos que preto de 10 millóns se destinarán á programación de actividades.