Ir o contido principal

Editado un novo número da revista científica e de divulgación cultural 'CROA'

No vixésimo terceiro volume do boletín da Asociación de Amigos do Museo do Castro de Viladonga destacan as actuacións máis recentes para a conservación do xacemento e información de interese sobre outros elementos do patrimonio cultural lucense.

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria edita o vixésimo terceiro número de 'CROA', unha publicación para a expresión científica e divulgación cultural do Museo do Castro de Viladonga, dependente da Dirección Xeral do Patrimonio Cultural.

Neste novo volume, a revista afonda nas actividades do museo e da Asociación de Amigos do Museo do Castro de Viladonga durante o período de setembro de 2012 a abril de 2013, así como nos traballos para o acondicionamento e a consolidación arqueolóxica do castro realizados en 2012. Así mesmo, fai un repaso ás actuacións levadas a cabo desde que comezaron na década dos setenta e información sobre as últimas novidades da biblioteca do Museo do Castro de Viladonga.

Ademais, este novo número inclúe artigos referentes ao recente achado dunha nova ara procedente dun ámbito rural do convento lucense de Outeiro de Rei e reflexións arredor da posta en valor da investigación no castro de Fazouro de Foz. Así mesmo, a revista recolle unha aproximación ao estudo do poboamento nas terras do Baixo Navia (Asturias) e á historia do santuario da Nosa Señora dos Remedios, así como ao xurdimento das feiras de As San Lucas de Mondoñedo.

O presente e o futuro da consolidación do Museo das Peregrinacións e de Santiago, dependente da Consellería de Cultura e Educación, tamén están presentes neste vixésimo terceiro número de 'CROA', dispoñible en formato electrónico no web do museo (www.aaviladonga.es).

Difusión dos traballos de conservación e investigación
O boletín 'CROA', promovido no ano 1991 pola Asociación de Amigos do propio museo, conta na actualidade coa colaboración dun amplo número de especialistas de diversos ámbitos como a historia, a arqueoloxía, a etnografía, a antropoloxía, o patrimonio cultural ou a museoloxía, entre outros. Así, a revista, que comezou a súa andaina como boletín de comunicación fundamentalmente interna da asociación, pasou a intercambiarse con máis de duascentas publicacións doutras tantas entidades e asociacións científicas e culturais.

Ademais, o Museo vén editando, desde 1987, unha serie de publicacións eventuais que comprenden guías do Museo, trípticos e folletos de man de exposicións, catálogos de seccións temáticas, e materiais moi diversos de difusión e divulgación para chegar a toda a sociedade.