Ir o contido principal

Danza, cinema, vídeo e música encherán o CGAC este outono

O Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC) ofrece durante este outono unha oferta diversa de actividades na capital de Galicia. Unha das propostas é a exhibición até o 19 de outubro de ‘Project Moscow’. O proxecto comisariado por Alberto Cartó, consta de videocreacións, realizadas por catro artistas, durante a súa estadía na cidade de Moscú durante o mes de agosto do ano 2012. As obras “The Death of an Owl”, de Marta Alvim; “Los tres estanques”, de Christian García Bello, ademais de “Carta a las generaciones futuras”, creada por Jacobo Bugarín, e “Vladimir x3 el Grande”, de Federico Strate-Pezdirc, nútrense dun proceso de reflexión que xurde da viaxe á capital rusa e do estímulo creativo que supuxo para cada un deles. A cita con “Project Moscow” será no Auditorio do museo nun único pase diario, ás 12,00 horas.

Curso de cine e Documental do mes
O 22 de Outubro dará comezo o curso de cinema “Derivas da Modernidade. Do cinema clásico ao cinema moderno. Intuicións, eclosións e ecos dos novos cinemas da modernidade (1950_1980)”, dirixido por José Manuel López, experto en comunicación audiovisual. O obradoiro terá lugar ata o 6 de maio do vindeiro ano e conta coa colaboración da Vicerreitoría de Estudantes, Cultura e Formación Continua e o Cineclube de Compostela. Está destinado a profesores, estudantes e todas aquelas persoas interesadas no cinema e terá lugar no auditorio do devandito centro de arte. Os alumnos matriculados en calquera dos títulos de grao da Universidade de Santiago de Compostela (USC), poderán solicitar o recoñecemento de 1 crédito pola súa realización. Ademais, a actividade está recoñecida como formación permanente do profesorado pola consellería de Cultura e Educación.

Ademais, a partir do día 30 deste mes, o CGAC acollerá a iniciativa da produtora Parallel 40: “Documental do mes”. O proxecto ten como obxectivo achegar este xénero ao maior número de espectadores posibles e incrementar a presenza do documental europeo nas pantallas cinematográficas. A estrea será coa proxección do filme dirixido polo finlandés Petri Luukkain: “My Stuff” e continuará coa estrea mensual dun documental de temática e procedencia diversa.

Os traballos poderanse ver en versión orixinal subtitulada e a entrada será de balde até completar as localidades.

Danza e música
O festival de Danza: “De corpo e lugar. Artes vivas no museo”, terá lugar os día 25 e 27 de setembro e o 1,2 e 3 de outubro. Está organizado por trasPediante Cultura, coa colaboración da consellería a través da secretaría xeral de Cultura, Agadic e o CGAC. O evento achegará propostas performativas do Ministerio de Asuntos do Movemento de Austria a cargo da autríaca, Amanda Piña e da turca Ayse Orhon, co obxectivo de fortalecer a continuidade entre a danza contemporánea e a acción performativa. O programa divídese en dous ciclos que inclúen actuacións artísticas, obradoiros e presentación de investigadores co fin de afondar nas relacións entre movemento, corpo e produción do espazo público. Todas as actividades propostas son abertas e de balde, agás o obradoiro “O corpo político/ A coreografía no ámbito da desobediencia corporal”, impartido por Amanda Piña e “Apetito pola performance”, conducido por Ayse Orhon.

Ademais desde o vindeiro 3 de outubro arranca unha nova edición das “Xornadas de Música Contemporánea”. Ao longo de todo o mes e ata o 1 de novembro, haberá máis de 18 concertos que recollerán as últimas tendencias e novidades neste terreo. As xornadas promovidas polo CGAC, o Concello compostelán, a Universidade de Santiago e o Centro Nacional de Difusión Musical, darán acubillo, entre outros, á “Cactus Workestra”, dirixida polo artista plástico e sonoro Joao Ricardo de Barros Oliveira, ao “Trío Arbós” ou á Orquestra de Cámara da USC. A intensa actividade despregada durante estes días, completarase cunha sesión na rúa que terá lugar o 4 de outubro, xunto aos concertos de Ensembler e a pianista Elisa Vázquez Dovalás ás 18,30 e ás 20,00 horas respectivamente no CGAC.

Para obter máis información ou realizar inscricións nas actividades que o requiran, o público pode consultar a páxina web http://www.cgac.org/