20 de decembro do 2013 Cultura e Educación pon en valor a obra de Urbano Lugrís a través do Museo de Belas Artes da Coruña

Museo de Belas Artes da Coruña

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, a través do Museo de Belas Artes da Coruña, colabora na posta en valor de Urbano Lugrís coa apertura dun novo espazo especificamente deseñado para situar de xeito permanente o mural ‘Vista da Coruña 1830’ que o artista galego realizou no ano 1959 na casa madrileña dos seus familiares, os Lugrís-Muñoyerro.

A imaxe permaneceu no domicilio ata finais dos oitenta, no que foi doada polos irmáns Lugrís Alonso-Muñoyerro ao Ministerio de Cultura, que acordou o seu traslado ao Museo de Belas Artes. Esta institución museística foi a responsable da súa restauración, de xeito que o seu estado de conservación actual da peza pode cualificarse de moi bo. A obra reviste unha especial importancia ao tratarse dun dos poucos murais que se conservan en coleccións públicas e que vai a estar exposto dun xeito permanente.

‘Vista da Coruña 1830’
A obra, cunhas dimensións de cento vinte e un por douscentos vinte centímetros e realizada en temple sobre xeso, representa unha vista fabulada e en formato panorámico da cidade da Coruña, co aspecto que esta idealmente tería no ano 1830. A perspectiva urbana que se nos presenta corresponde á fachada portuaria, resaltando de forma onírica os elementos máis representativos: a Torre de Hércules ao fondo de cor rosa, a cidade vella con casas xeométricas de distintas cores, e a baía co Castelo de Santo Antón e, na súa contorna, distintas embarcacións.