Ir o contido principal

Cultura e Educación organiza a vindeira semana no CGAC o proxecto ‘Queres ser arte contemporánea? Diálogos con Camilo Franco’

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria organiza do 26 de febreiro ao 1 de marzo no Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC) o proxecto ‘Queres ser arte contemporánea? Diálogos con Camilo Franco’. Esta acción enmárcase dentro do programa de actividades paralelas e complementarias á mostra ‘93’, coa que o museo conmemora o seu vixésimo aniversario.

O xornalista e crítico cultural, Camilo Franco, entrevistará aos visitantes do CGAC para rexistrar cal é o nivel de implicación, de atención, de dedicación ou de interpretación que os espectadores teñen respecto ás obras de arte contemporánea que se exhiben neste centro. O público poderá participar desde a experiencia, desde a fantasía, desde a curiosidade ou desde a descrenza na arte.

Os encontros, que se desenvolverán do 26 de febreiro ao 1 de marzo en horario de 11,00 a 20,00 horas, durarán arredor de 15 minutos e tomarán como punto de partida o hall do CGAC para internarse a continuación na mostra ‘93’, que ocupa os tres andares do centro. A interacción comezará polas motivacións xerais para ir entrando nos detalles da interpretación segundo as preferencias dos espectadores.

A cada unha das persoas entrevistadas faráselle un retrato no espazo que elixa ou coa peza que escolla, procurando que as imaxes establezan unha relación entre o espectador e a obra. O resultado destes diálogos compartiranse diariamente no blog http://artecontemporaneacgac.wordpress.com que se poderá acceder a través da páxina web do CGAC.

As persoas interesadas poderán participar neste traballo de xeito espontáneo ou ben concertando unha cita a través do correo electrónico cgac.educacion@xunta.es

Recoñecido profesional
O xornalista Camilo Franco (Ourense, 1963) desenvolveu varios proxectos culturais, entre as que destacan o seu papel como comisario na mostra colectiva Paralelo 42 (Casa da Parra, 1989) ou a transformación nunha exposición dos relatos do seu libro ‘Palabras contadas’ (Fundación Luís Seoane, 2007).

Tamén deselvoveu outras iniciativas como o os proxectos nos que traballa cos espectadores a través de experiencias como ‘Queres ser un personaxe de novela?’ (Culturgal, 2011) ou ‘Queres ser ou non un personaxe de teatro?’ (Fiot, 2012). Asemade, ten publicadas varias obras de narrativa: A lúa no cénit (Ediciós do Castro, 1988), En malos pasos (Xerais, 1995), Por conto alleo(Vieiros, 1999; Galaxia, 2003) e Palabras contadas (Xerais, 2007).