18 de outubro do 2013 Cultura e Educación convida aos escolares a participar nunha exposición temporal no Museo de Viladonga coas súas fotografías sobre o castro

Museo do Castro de Viladonga

O Museo do Castro de Viladonga, dependente da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, invita aos alumnos que o visitan a dar forma a unha exposición temporal de fotografía coas imaxes que tomen do castro e do propio centro.

Esta iniciativa está dirixida aos alumnos e alumnas de terceiro ciclo de Ensino Primario e de Ensino Secundario que visitan o centro, e dará como resultado unha exposición temporal e itinerante, a disposición dos centros educativos que a soliciten.

Ao longo do curso escolar o Museo recibe numerosas visitas de grupos escolares. Con esta actividade, trátase de ampliar a participación dos rapaces e rapazas, que non serán meros espectadores senón que plasmarán a súa visión sobre o xacemento arqueolóxico e o museo en fotografías que poderán optar a formar parte da mostra.

A participación estará aberta ata o mes de maio e os grupos escolares deben solicitar a inscrición no mesmo momento en que se fai a visita, que ten unha duración aproximada de unha hora e pode completarse coa proxección de vídeos de entre 12 e 15 minutos cada un.

Unha vez rematada a visita, poderanse facer as fotografías, ben individualmente, por grupos de alumnos ou por aula. O colexio ou instituto debe realizar a selección das imaxes que considera que deben integrarse na exposición e remitilas ao museo.

O museo resérvase a competencia para facer unha segunda selección no caso de que a afluencia de fotografías exceda da cantidade que se poida utilizar, podendo quedar o resto en reserva para futuras exposicións ou para outras actividades de difusión que se realicen en colaboración cos centros escolares.