Ir o contido principal

A Casa da Troia reabre as súas portas durantes os meses de verán

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, visitou hoxe a Casa da Troia, o emblemático museo romántico compostelán que no seu tempo acolleu unha intensa vida estudantil decimonónica novelada por Alejandro Pérez Lugín na súa obra homónima.

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria destinou a esta institución museal 8.000 euros para a reapertura e a xestión das visitas do centro no período estival, así como de actividades que afondan na súa integración na vida cultural da cidade compostelá, á que por dereito propio e pola súa relevancia patrimonial este museo pertence.

A Casa da Troia abre de novo as súas portas durante todo o verán, polas mañás en horario de 11:00 a 14:00 horas, e polas tardes de 16:00 a 20:00 horas, pero o venres ampliará o seu horario vespertino até as 22 horas. Como vén sendo habitual o centro permanecerá pechado os domingos pola tarde e os luns durante todo o día.

Casa da Troia

A Casa da Troia é un museo romántico que recrea a pensión de estudantes e a vida universitaria de Santiago a finais do século XIX que inmortalizou Alejandro Pérez Lugín na súa novela La Casade la Troya. Nelaaloxábase o personaxe principal, Gerardo Roquer, e os seus compañeiros de estudos.

Na planta baixa está a recepción, antiga zona de paso tanto das persoas como dos cabalos que baixaban ás cortes. No primeiro andar atópase o antigo salón-comedor, tamén habilitado como lugar de estudo. No segundo piso están os dormitorios, e no ático a cociña. A casa está ambientada con mobles e útiles da época. A maior parte do mobiliario foi adquirido polo fundador do museo, Benigno Amor Rodríguez, á familia de Jacobo Gil Villanueva, reitor da Universidade de Santiago a finais do século XIX.

O museo dispón dunha biblioteca histórica, que se compón de exemplares de distintas edicións da novela La Casade la Troya, así como de publicacións de autores relacionados coa obra de Pérez Lugín como Valle-Inclán, Camilo Bargiela, Manuel Casás, Enrique Labarta, etc., e outras de temática compostelá.