5 de novembro do 2015 Apertura da nova sede do Museo das Peregrinacións e de Santiago

Museo das Peregrinacións e de Santiago

 

A nova exposición permanente do Museo das Peregrinacións e de Santiago, no edificio do antigo Banco de España na Praza das Praterías, abre as súas portas ao público cun renovado proxecto museográfico, que inclúe novos contidos, incorpora máis de cincocentas pezas e complétase con dúas exposicións temporais. O Ministerio de Educación, Cultura e Deporte, titular do museo, e a Xunta de Galicia como órgano xestor, impulsaron este proxecto ao longo dos últimos anos, nesta nova sede rehabilitada polo Consorcio da Cidade de Santiago, segundo o proxecto de Manuel Gallego Jorreto.

O proxecto museográfico foi redactado por Gestión de Diseño S.L. sobre o programa expositivo elaborado polo equipo técnico do Museo, e executado por INTEGA Interiores Galicia S.L.

O sábado 7 de novembro é o día de apertura, en xornada de portas abertas que continuarán ata o día 15 inclusive. O público terá acceso gratuíto á exposición permanente, distribuída en 4 plantas e 3 grandes áreas temáticas: a peregrinación como fenómeno universal, a peregrinación e o Camiño de Santiago e a cidade de Santiago de Compostela.

O novo discurso expositivo establécese con vocación de resultar ameno, interesante e atractivo para un público diverso, cun deseño que consegue un equilibrio entre a arquitectura do inmoble e a exposición das coleccións. A información ofrécese en diversos soportes: textual, gráfico, audiovisual e interactivo, aptos para distintos niveis e dificultade. Ademais, a nova exposición pretende ser accesible a todos os públicos, mediante a supresión de barreiras arquitectónicas ou a fabricación de cinco estacións táctiles deseñadas para público con discapacidade visual.

No novo discurso tamén se inclúen varias zonas de musealización especial denominadas “museo en acción”, que pretenden transmitir ao público diversos aspectos que forman parte do traballo interno do museo: pezas de recente adquisición, restauracións, traballos de investigación, etc, que proxectan a imaxe dun museo en constante evolución.

Ademais das salas que conforman a exposición permanente, o museo dispón no soto dun salón de actos e dunha sala polivalente (para a realización de actividades e exposicións temporais), así como unha pequena tenda, na planta baixa, onde os visitantes poderán adquirir os catálogos e publicacións do museo, así como diversos artigos de merchandising. Ademais, na terceira planta, o museo porá en marcha un servizo de cafetería nun espazo acristalado con perspectivas privilexiadas das torres da catedral.

Galería

  • Apertura da nova sede do Museo das Peregrinacións e de Santiago

  • Apertura da nova sede do Museo das Peregrinacións e de Santiago

  • Apertura da nova sede do Museo das Peregrinacións e de Santiago