Ir o contido principal

Anxo M. Lorenzo asistiu á inauguración da exposición 'Crecer co mar' sobre a historia de Bueu como vila mariñeira

Inauguración da mostra

A mostra instalada no Museo Massó repasa o impacto da actividade pesqueira e da industria conserveira nesta vila pontevedresa.

O director xeral de Políticas Culturais, Anxo M. Lorenzo, asistiu o 6 de agosto á inauguración da exposición "Crecer co mar. Os gozos e as sombras dunha vila mariñeira", unha mostra instalada no Museo Massó de Bueu que repasa o desenvolvemento deste concello pontevedrés como vila mariñeira.

O responsable de Políticas Culturais da Xunta subliñou que a exposición “recolle á perfección” o impacto da actividade pesqueira e da industria conserveira na configuración histórica do municipio, centrándose no desenvolvemento experimentado pola vila a finais do século XIX e a principios do século XX.

Con todo, a mostra remóntase aos primeiros séculos da nosa era, cando Bueu desenvolveu un centro industrial e portuario vinculado coa transformación do peixe e a produción e comercialización de ánforas. A exposición amosa como tras a caída do Imperio Romano a poboación da vila abandonou a franxa costeira ata a recuperación plena da actividade pesqueira e industrial no século XIX.

De feito, a mostra recolle o papel da empresa creada pola familia Massó como unha das responsables de que Bueu volvese a ocupar no século XX un posto relevante no sector conserveiro, favorecendo o desenvolvemento da vila.