Colcha

Colcha

Colcha de felpa de tres panos, realizada cun urdido de liño e algodón sobre o que vai unha parte superior de la. Máis que un tipo de tecido, o levante ou gorullo é unha técnica decorativa coa que se conseguen motivos en relevo que sobresaen sobre un fondo de tecido liso. O efecto ornamental e visual lógrase creando unha cuadrícula con cadros de la verde na maior parte da peza e de azul escuro no perímetro do cobertor, delimitados todos os cadros por franxas de la vermella. A colcha está rematada con flocos de tipo espadilla (a tipoloxía máis sinxela) de fío vermello e verde.

Este tipo de pezas como colchas e cobertores de diferentes tamaños eran elaborados con carácter artesanal nos tradicionais teares e forman parte dun grupo de téxtiles habituais nas casas galegas dende hai mais de cen anos, de feito esta colcha procedente de Meixide-Bande (Ourense) probablemente sexa de finais do XIX. Era normal que estas pezas pasasen de pais a fillos por liña feminina configurando un enxoval doméstico que se herdaba e que era moi valorado nas familias. Este tipo de cobertores para a cama desgastábase bastante polo uso cotiá polo que é difícil encontrar exemplares tan antigos como o que nos ocupa.

Dimensións:
200 x 168 cm
Material/soporte:
Lá, liño e algodón / levantado, berbesa e gorullo
Contexto cultural:
1876-1925
Autoría:
Produción artesanal. Zona de Meixide-Bande (Ourense)