Mazadoira do leite

Utensilio formado por un recipiente de madeira de forma esferoidal, coa base e a boca un pouco máis estreitas que o corpo. O seu exterior e de cor escura e con estriado horizontal. Complétase cunha tapa de madeira de forma campaniforme cunha cavidade interior e un oco na parte central no que se insire un pau; este, tamén de madeira, leva na súa parte inferior unha especie de prato circular do mesmo material.

Esta ola serve para facer manteiga. O proceso do mazado é complexo, consta de varios pasos e era unha actividade doméstica realizada habitualmente por mulleres. Primeiro quecíase o leite para obter a tona e logo botalo na ola. Ao estar tépedo procédese a mazalo botándoo na ola de barro que se cerra coa tapa de madeira furada, que permite o paso dun pau que leva na punta inferior unha rodela. A operación faise movendo o pau para arriba e abaixo durante un tempo. Logo quítase a manteiga e amásase con culleres ou coas mans facendo unha bola –pela, baluga ou petela- envolta normalmente nunha verza. Unha vez retirada a manteiga da ola, queda o leite mazado que tamén se consume.

Dimensións:
74 cm; 25 cm (diámetro máximo)
Material/soporte:
Madeira tallada e valeirada
Contexto cultural:
Idade contemporánea
Autoría:
Produción artesanal