Cabaleiro orante de Beade

Cabaleiro orante de Beade

Escultura a tamaño natural dun Cabaleiro de San Xoán axeonllado, en nogueira sen policromar e vestido con armadura. Descansa o xeonllo dereito nunha almofada rematada en catro borlas e mantén avanzada a perna esquerda, na que apoia a man esquerda implorante ou ofertante mentres dobra a dereita sobre o peito -no que loce a cruz da Orde de Malta- batendo nel de xeito penitencial. A cabeza destaca pola súa expresiva naturalidade e o realismo do rostro, o pelo, as engurras da fronte, as meixelas, o nariz ou a coidada barba. A delicada execución continua nos plisados da gorgueira e os detalles dos elementos da armadura: peto, espaldar, brazais, launas, etc., coa súa lóxica rixidez e brunido. Presenta con toda precisión as manoplas, o calzado coas esporas, as fibelas e correas de unión e as presillas de coiro das que pende a vaíña da espada ou a cota de malla. A estatua está construída con varias pezas ben ensambladas e unidas por fortes cravos de ferro.

Contextualización da peza: Posible retrato de Frei Fernando Manuel de Ludueña, que o Prof. Gutiérrez Pastor no seu documentado estudo "Sobre Francisco de Moure e o retablo de Santa María de Beade (Orense): Unha estatua de cabaleiro de Malta semiarrodillado", identifica como o publicado por Chamoso Lamas en Escultura funeraria en Galicia. Nel, atendendo a súa procedencia e trazos estilísticos, atribúe a autoría desta obra a Francisco de Moure, quen no inicio do século XVII traballa para a igrexa de Beade na realización dun retablo previamente concertado co Comendador de Beade, Fernando Manuel de Ludueña, como testemuña o protocolo de Pedro de Lemos de 1608. Na atribución coincide Dores Vila Jato, quen a considera obra indiscutible de Moure e dentro do máis logrado da produción deste escultor ourensán que forxou o tránsito do manierismo ao barroco.

Dimensións:
130 x 60 x 100 cm
Material/soporte:
Madeira de nogueira tallada
Contexto cultural:
1º cuarto século XVII
Autoría:
Francisco de Moure