Urna da foxa de Cameixa

Urna aberta de paredes grosas, perfil composto bitroncocónico e diámetro maior na carena. A base é plana, cun pé lixeiramente indicado e un rebordo perimétrico redondeado. O galbo e ombro son sinuosos e cónicos, uníndose a través dunha carena, horizontal e lixeiramente marcada. O colo presenta unha morfoloxía cóncava. O bordo é lixeiramente exvasado e acabado nun beizo plano. A pasta mostra unha textura compacta-fina, homoxénea, con desgraxantes de tamaño medio e variedades tonais (marrón clara/alaranxada). As superficies interior/exterior están brunidas irregularmente, son semirrugosa/semilisa respectivamente, e os tons das superficies son claros (alaranxados/marróns claros). A decoración concéntrase na parte do ombro-colo da peza, e componse de tres cordóns en relevo e doce mamilos acoutados por cordóns horizontais.

Nas actuacións arqueolóxicas da contorna do Castro de Cameixa (Boborás, Ourense) foi descuberta unha foxa escavada no xabre, e identificada como deposición orixinal selada, que contiña unha urna cineraria. Esta peza gardaba -entre outros restos- unha man de muíño e unha capa de carbóns. Estes restos proporcionaron a datación absoluta do contexto de deposición da urna, calculada a finais do III milenio a.C. (2335-2039 a. C.), o que a sitúa nun Bronce Inicial/Pleno coincidente co desenvolvemento da cerámica de tipo Campaniforme en Galicia. A análise pormenorizada amosou materias primas locais e temas decorativos con paralelos próximos; non obstante, os equivalentes morfolóxicos e sincrónicos só se rexistran na orla atlántica continental, tendo esta urna como exemplo puntual dun hipotético fluxo cultural atlántico, que tería a Galicia como zona de tránsito cara o norte portugués.

Dimensións:
44 x 28 cm
Material/soporte:
Arxila modelada
Contexto cultural:
Bronce Inicial/Pleno. Terceiro milenio a. C.
Autoría:
-