Ara de San Pedro de Rocas

Trátase dun bloque prismático de granito decorado nas súas catro caras por un dobre arco de ferradura apoiado sobre columniñas sogueadas. Os arquiños aparecen dobrados por motivos incisos e na enxuta un motivo triangular. Unha soga dobre remata a parte baixa da peza en todo o seu contorno. Nunha das caras presenta un nexo epigráfico, feito por incisión e de difícil lectura, que pode vincularse con Christus. Na parte superior, presenta un fondo baleirado cuadrangular para acoller as caixas de reliquias habituais neste tipo de altares.

Representa este primitivo altar unha das pezas fundamentais do cenobio e igrexa rupestre de San Pedro de Rocas, verdadeiro centro eremítico na Ribeira Sacra ourensá nos comezos do cristianismo. Esta peza sería un tipo evolucionado dos primeiros altares cristiáns, herdeiros no formal das aras romanas, e que, en versións máis arcaicas, tamén encontramos noutras tres localizacións prerrománicas ourensás: Santa Comba de Bande, Santa María de Mixós e Ambía. A aparición desta peza en coincidencia formal xunto coa lápida fundacional datada na era 611 (ano 573) dános unha gran precisión cronolóxica para a mesma. Porén, a decoración dos arquiños de ferradura e outros detalles formais levaron a algúns autores a formular a hipótese alternativa de ser ambas pezas dos séculos IX a XI.

Dimensións:
77 x 43 x 41 cm
Material/soporte:
Granito labrado
Contexto cultural:
Prerrománico. Século VI
Autoría:
-