Dionisos e Ampelos

Escultura de vulto redondo que representa dúas figuras masculinas núas, á maior das cales fáltalle a cabeza e o brazo dereito. O grupo interprétase como Dionisos ebrio asistido polo sátiro Ampelos personificación da vide, tema mitolóxico que deriva de modelos helenísticos e do que existen numerosos paralelos. A figura de Dionisos describe un lixeiro S que evoca ritmos praxitélicos, descansando o peso do corpo sobre a perna esquerda mentres a dereita aparece levemente flexionada. O brazo esquerdo disponse sobre o ombro de Ampelos, quen a súa vez cingue co seu brazo dereito a figura de Dionisos, apoiando a man aberta nas súas costas, ao tempo que ergue a cabeza cara o deus. A estabilidade das figuras conséguese mediante a presenza na parte traseira dun groso tronco de árbore adherido á perna esquerda de Dionisos e sobre o que, sentado a carranchapernas, descansa o sátiro, a cuxos pés encóntrase a “cesta mística” propia dos misterios dionisíacos.

Dionisos, coñecido no mundo romano como Baco, foi identificado co antigo deus itálico Liber-Pater gozando de grande popularidade entre os artistas da antigüidade clásica. A súa iconografía, moi difundida na cerámica, pintura, moedas, terracotas, relevos e mosaicos, é recollida tamén en fontes literarias. Deus do viño, da vexetación e dos praceres, divindade civilizadora é segundo a concepción órfica, unha modalidade do deus supremo, Xúpiter. Estamos ante unha obra de arte culta, importada de posibles centros de produción aquitanos ou itálicos, chegada a Galicia no marco do amplo intercambio comercial do momento. O forte grao de erosión que presenta responde ao ambiente húmido no que permaneceu enterrada, no xacemento da Muradella, onde se documenta unha vila romana do século III d. C. A aparición nun ámbito rural evidencia a existencia de persoas con gustos e coñecementos clásicos.

Dimensións:
93 x 62 x 41 cm
Material/soporte:
Mármore labrado
Contexto cultural:
Imperio Romano. Século III
Autoría:
-