Arca ensaiolada
Pechar

Arca ensaiolada

Moble suntuario destinado habitualmente ao almacenamento e transporte. Composto por unha caixa prismática de base rectangular e tapa convexa suxeita á parte traseira por medio de dez gonzos que posibilitan a súa apertura. Toda a estrutura lígnea aparece recuberta por tea; no exterior forrada integramente con veludo carmesí (probablemente orixinal). O forrado interior, máis recente, probablemente dalgunha intervención durante o século XX, na que unha tea de fibra natural substitúe ao previsible pano de damasco. O máis salientable desta peza é, sen dúbida, o conxunto de ferraxes que reforzan a estrutura e ennobrecen a aparencia final da arca. A fronte e máis a tapa están gornecidas con dez ferros que forman na parte posterior os gonzos citadas e rematan na parte anterior en cunchas de vieira, agás o terceiro e o oitavo que se prolongan para continuar coa estrutura de peche na parte dianteira. A tapa decórase na súa parte dianteira cunha placa calada con tracerías xeométricas e formas angulosas que lembran arcadas góticas e aluden aos gabletes e frontes propios da decoración arquitectónica. Nos laterais, outra placa calada e ornamentada, esta vez, con elementos fitomorfos estilizados e mantendo o mesmo remate de triángulos en crochet. Non obstante, a parte máis vistosa constitúena o par de pechaduras de gran tamaño que conserva na súa parte frontal. Ofrecen unha exuberante decoración propia do gótico con sete torres caladas rematadas nos seus correspondentes pináculos con bola final. No centro presenta o cadeado e nos catro extremos da placa aparecen outras tantas vieiras naturalistas. A pechadura prolóngase para a parte superior mantendo a decoración de torres, neste caso en número de tres. Cada unha das placas da pechadura sobreponse a unha ferraxe disposta en transversal e rematada en cada extremo coa correspondente vieira. Finalmente, conta cunha asa, tamén de ferro forxado e remates angulosos, en cada un dos laterais menores a fin de facilitar o seu transporte.

O mobiliario hispano de finais da Idade Media responde a unhas características semellantes ás que ofrece o resto do mobiliario da Europa Occidental, pero mostra unhas notas distintivas derivadas da tradición hispano-musulmana que afecta en maior medida a elementos e motivos decorativos. As arcas, de distintos tamaños e feituras, constitúen un dos elementos mobiliarios máis comúns no mundo medieval. Destinadas tanto ao almacenamento de graos como de materiais máis luxosos (enxovais de noiva, vestimentas a base de ricas teas, xoias, caudais, libros, documentos, etc.), boa parte delas teñen, ao mesmo tempo, unha finalidade de contedores para o transporte. Soamente as arcas de luxo adoitan estar cubertas de teas e van provistas de ferraxes ricamente decorados, como é o caso deste exemplar. Como elemento de cubrición úsanse peles preparadas, pero tamén é frecuente a utilización de veludos en vermello monocor, saídos dos teares hispanos de Barcelona, Toledo, Granada, Sevilla ou Valencia. En concreto, esta arca responde ás características propias do mobiliario da época dos Reis Católicos e constitúe, dada a súa calidade, un exemplar privativo das clases máis acomodadas. O feito de que ofreza varios zurcidos e remendos antigos indica a importancia que os seus donos lle outorgaron a este moble e a súa conservación.

Dimensións:
70 x 117 x 60 cm. 
Material/soporte:
Madeira de piñeiro, ferro, veludo / Ensaiolado, forxado, fundición 
Contexto cultural:
Tardogótico (1476-1525) 
Autoría:
Anónimo / Escola castelá