This content requires HTML5 & Javascript or Adobe Flash Player Version 9 or higher.
Pechar

Copón

Pé en tres alturas con aro liso na fronte a primeira (con inscrición de oferente e data) e decorado con foliáceas na parte superior; o segundo con tornapuntas e molduras e o terceiro con fronte lisa e fitomorfos na superior. No espazo cóncavo de unión co astil decórase con follas, con nó en xerro ao que se sobrepoñen molduras en prato, tamén decoradas con follas. Copa alta ultrasemiesférica ateigada de profusa decoración de roleos entrelazados traballados á maneira do coiro, de elementos brillantes sobre fondo mate polo puntillado. Remate de copa en borde de dobre ariño. Tapa de estrutura tripartita; no perímetro inferior, borde como faldrón de 14 vieiras naturalistas (destacando a súa vinculación compostelá); o centro formado cun groso toro ateigado de decoración fitomorfa estilizada e espellos. Segue un corpo de follas simples en zigue-zague e remata nun terceiro corpo curvo decorado con tornapuntas e elementos vexetais estilizados. Coroa con cruz latina de remates flordelisados. A peza carece de marcas ou punzóns. No pé, gravado ao burel, presenta unha inscrición na que figura: "(estrela de seis puntas) DIOLO. POR. SVDE(nexo DE)BOCYON. DN. JACOB. PEREZ. RETOR. DE(nexo DE)LREAL. PRIORATO DE .STA. MA DE(nexo DE)SAR .AÑO. DE. 1705

No s. XVII comeza un dos períodos de esplendor da pratería compostelá que segue desenvolvéndose ó longo do s. XVIII, e aínda que se incrementa a elaboración de pezas de carácter civil, segue primando a demanda da produción relixiosa. Entre os obxectos demandados do enxoval litúrxico un dos mais destacados son os cálices, entre os que cómpre sinalar o cáliz aquí referido, como exemplo de encargo para doazón neste caso dun cóengo e fabriqueiro da propia Igrexa parroquial do Real Priorado de Sar co fin de incrementar os seus bens. A peza está producida nos obradoiros composteláns, co esquema morfotipolóxico acorde coa época, co oferente presente na documentación da época e o anónimo prateiro probablemente identificable como Matías Vieites do Casal que traballa para a mencionada Colexiata de Sar.

Dimensións:
30 cm; 12,50 cm (diámetro do pé); 13,50 cm (diámetro da tapa) 
Material/soporte:
Prata dourada / Repuxado, dourado, cicelado 
Contexto cultural:
Principios do século XVIII. 1705. Barroco 
Autoría:
Matías Vieites do Casal, (atr. -Actividade 1651-1725-). Obradoiro Compostelán.