This content requires HTML5 & Javascript or Adobe Flash Player Version 9 or higher.
Pechar

Martirio de San Sebastián

Sobre peaña pétrea de tons cobreados insírese unha peza de madeira policromada en vermello semellando unha árbore á que unido por arames a modo de sogas, engádese a figura de marfil como unha figura masculina espida, cun pano na cadeira, presentando no seu corpo diversas feridas nunha das cales sobresae un fragmento de frecha. Ós seus pés aparecen o helmo e maila coiraza. Nas pólas superiores da árbore aparecen dous anxos, un deles suxeitando unha palma e outro unhas grandes follas.

Artesáns e artífices agrúpanse en Santiago en gremios e confrarías dende o século XIII e a actividade destes traballadores desenvólvese ó longo do tempo en centos de obradoiros que xorden pola cidade. San Sebastián foi nomeado patrón dos acibecheiros en 1410, data de creación da súa confraría en Compostela. Dende a Idade Media, foi un santo recoñecido como intercesor ante os andazos de peste porque, a pesares das numerosas feridas causadas polas frechas recibidas no seu martirio, e das dores enviadas por Deus, non morreu. Sen embargo, como protector da peste, foi substituído en épocas posteriores por outros santos. Precisamente, a confraría dos acibecheiros foi fundada co gallo da propagación dunha das numerosas pragas de peste que estragaban as poboacións europeas nesas épocas e que en Galicia produciron fortes episodios de morbilidade e mortalidade. As celebracións da confraría en honor ó santo tiveron lugar, case sempre, na Capela do Espírito Santo da catedral compostelá.

Dimensións:
30,50 x 7 x 10,30 cm 
Material/soporte:
Marfil e xaspe / Talla 
Contexto cultural:
1º cuarto do século XVIII. 1700[ca] 
Autoría:
Obradoiro do sur de Alemaña (atr.)