Sagrada Familia peregrina

Grupo escultórico que representa a Fuxida a Exipto. Componse das figuras da Virxe, san Xosé e o Neno, vestidos todos eles de forma moi semellante con túnica decorada con motivos florais e cinguida á cintura que chega ao chan no caso da Virxe mentres que nos varóns remata debaixo dos xeonllos deixando ver as botas de borde volto. Cobren os ombreiros con esclavinas decoradas na parte frontal con senllas vieiras e sobre a cabeza levan sombreiros de copa semiesférica e aba ancha volta na fronte os varóns e nos dous laterais a Virxe, pero en todos os casos decoradas con vieiras idénticas ás anteriores. Levan bordóns con remate curvado dos que colga unha cabaza e no caso de san Xosé porta tamén un cesto que semella un tecido vexetal. O conxunto repousa sobre unha decorada peaña con faldróns con decoración de roleos e tornapuntas ecatro patas rematadas en cabezas de querubíns.

Neste conxunto escultórico mestúranse dous temas iconográficos, dunha banda a representación da Sagrada Familia e doutra a Fuxida a Exipto, acontecemento que se produciría inmediatamente despois de que os Magos de Oriente abandonasen Belén e de forma simultánea á Matanza dos Inocentes. Tecnicamente responde a modelos frecuentes na arte colonial e neste caso concreto é posible apreciar influencias dos talleres hispano-filipinos que chegarían a México co Galeón de Manila. A peza parece poderse atribuír a prateiros de Puebla de los Ángeles, un dos centros máis importantes de Nova España do que sae bo número de producións deste tipo.

Dimensións:
58 x 48 x 32 cm.
Material/soporte:
Prata cicelada e repuxada
Contexto cultural:
Barroco (último ¼ s. XVIII)
Autoría:
Anónimo (Taller mexicano)