This content requires HTML5 & Javascript or Adobe Flash Player Version 9 or higher.
Pechar

Pía bieiteira

Excepcional obxecto litúrxico constituído por dous elementos diferenciados: a pía propiamente dita e un corpo superior vertical a modo de retablo. A primeira, hexagonal sobre unha ménsula tronco piramidal invertida, presenta placas caladas con motivos abstractos e vexetais. A parte superior estrutúrase en dous corpos de desigual altura e tratamento ornamental, separados por unha cornixa con dupla moldura lisa O inferior mostra unha decoración central calada flanqueada por dúas columniñas de orde clásica. O superior conta con tres cunchas de vieira, que delatan a vinculación compostelá da peza, que se enmarcan por un ornamental arco de medio punto e dous niveis de pequenas columnas, dúas delas entorchadas. Bordeando o conxunto sitúanse ornamentais "eses" invertidas e superpostas. No reverso, unhas arandelas de suxeición, talladas no mesmo material, evidencian o seu carácter portátil.

A produción de obxectos utilitarios en acibeche, como é o caso desta pía bieiteira, non é estraña entre os artesáns que traballan este material. A súa extrema fraxilidade fai que sexan obxectos altamente vulnerables e que teñan chegado ata nós nunha proporción moi reducida. A súa utilización como obxecto litúrxico debía estar reservada para momentos destacados. Coñécese a utilización de mobiliario litúrxico en acibeche en substitución dos metálicos en días sinalados como en Semana Santa ou en períodos de entredito. Cando se trataba de xoias era frecuente a súa utilización en mulleres viúvas e enloitadas.

Dimensións:
23,50 x 10,50 x 8,50 cm. 
Material/soporte:
Acibeche 
Contexto cultural:
Barroco (s. XVI-XVII) 
Autoría:
Anónimo (taller compostelán)