Pechar

Touriño de bronce

Pequena escultura en bronce representando a un touro con aspecto dun animal rexo e poderoso,coa cabeza ergueita e lixeiramente volta cara a dereita, cornos aínda curtos, rabo levantado e caendo sobre os cuartos traseiros, así como unha ampla papada con pregues marcados que se prolongan desde o quixal ata o peito. A representación da pata anterior dereita levantada e das traseiras situadas en planos distintos indica que a figura se representa ao paso.Conserva unha pátina verde bastante uniforme.

Polas característica morfolóxicas desta peza, e seguindo a clasificación tipolóxica que realiza Furtwängler a principios do s. XX, vense asimilando esta pequena escultura coa representación do Boi Apis, a pesar de carecer doutros resgos distintivos secundarios e definitorios como o crecente lunar na cabeza, as ás dun voitre no lombo, etc. Deste xeito sería unha evidencia da presenza de cultos orientais en Galicia, traídos en boa medida por lexionarios e documentadosnascontornas de asentamentos militares. Non obstante, esta opinión non é unánime entre todos os investigadores. Algúns consideran que se trata dunha simple plasmación dun exvoto coa representación dun touro que tería como finalidade a de servir de ofrenda. Esta peza procede das escavacións realizadas no ano 1981 na Colexiata de Iria Flavia por Manuel Chamoso Lamas.

Dimensións:
5,30 x 6,80 x 1,60 cm. 
Material/soporte:
Bronce fundido á cera perdida 
Contexto cultural:
Tardorromano (s. IV-V) 
Autoría:
Taller baixoimperial romano