Pechar

Santiago peregrino

Pequena escultura representando ao apóstolo Santiago con elementos da indumentaria de peregrino. Veste longa túnica axustada á cintura cunha correa e sobre ela un amplo manto terciado pola parte dianteira recollido coa man esquerda que suxeita, ao mesmo tempo, o libro aberto coa mensaxe evanxélica.Falta a man dereita á altura da bocamanga e que sostería, sen dúbida, o bordón. Sobre a túnica apréciase a correa do zurrón ou escárcela cadrada cunha borla nun dos extremos. Cubre a cabeza cun sombreiro de aba volta que se decora no centro da parte frontal cunha vieira flanqueada por senllos bordonciños colocados en vertical. O tratamento da cabeza está realizado con gran delicadeza o que lle outorga un aspecto pensativo e de gran serenidade, cos ollos baixos e rasgados, barba completa e perfectamente organizada e melena curta. Conserva restos de dourado e policromado.

Polos resgos específicos parece posible adscribir esta peza a algún dos obradoiros casteláns que, influídos polas maneiras de traballar nos países nórdicos, realizan a súa produción para cubrir a forte demanda de imaxinería relixiosa que existe nun amplo territorio peninsular. É posible que o anónimo autor desta pequena escultura traballase no círculo de Gil de Siloé. O tipo iconográfico responde a momentos próximos ao 1500 onde a dimensión de Santiago como apóstolo prima sobre a de peregrino, nunha harmónica convivencia dos resgos distintivos desta dobre personalidade.

Dimensións:
33,50 x 13 x 10 cm. 
Material/soporte:
Madeira tallada e policromada 
Contexto cultural:
Gótico final (ca. 1500) 
Autoría:
Escola burgalesa