Pechar

Santiago peregrino

Escultura representando ao apóstolo Santiago o Maior. Veste unha roupiña exterior de cor vermella, que deixa ao descuberto os nocellos, con mangas curtas que deixan ver por debaixo as mangas doutra vestimenta de cor máis claro, posiblemente xibón. Na man dereita suxeita un bordón que chega ata a altura dos ombreiros e se decora con dous pomos. Coa esquerda terma do libro aberto coa intención de amosar o seu contido. Sobre a roupiña e colgando do costado esquerdo porta unha escarcela rectangular con flocos e decorada cunha carnosa. Cubre a cabeza cun sombreiro de aba levantada na fronte onde figura outra vieira. O tratamento da faciana harmoniza co hieratismo do resto da figura. Calza uns borceguíns de cor escura. Presenta policromía na que predominan os vermellos e negros, así como os tons carne para a faciana e as mans. A escultura está sen traballar pola parte traseira o que indica a súa utilización adosada. É posible a súa procedencia da zona do río Miño (Ourense ou Lugo).

O Camiño de Santiago serviría de transmisor das novas tendencias artísticas e ideolóxicas que parecen nacer en Francia a partir da segunda metade do século XIII en relación coa figura de Santiago o Maior. O Apóstolo comeza a asemellarse á xente da rúa e a vestir á moda do momento. A túnica e o manto apostólicos substitúense por outra indumentaria e son habituais os atributos propios dos peregrinos que se achegan á súa tumba. Recollen un cambio de gusto imposto pola burguesía da época. A escultura de Santiago Peregrino ofrecida por Gaufridus Coquatrix (s. XIV) ou a de Johannes de Roucel (s. XV), ambas as dúas de obradoiros parisinos e conservadas no Tesouro da Catedral compostelá, representarían exemplares introductores en Galicia desta nova maneira de vestir e serían obxecto de imitación ao longo de todo o Camiño de Santiago, producindo pezas populares (como a actual) e outras de corte clásico e refinado.

Dimensións:
81 x 24 x 21 cm. 
Material/soporte:
Pedra tallada e policromada 
Contexto cultural:
Baixa Idade Media (s. XIV-XV) 
Autoría:
Taller galego