Pechar

Santiago peregrino

Escultura representando a Santiago o Maior con indumentaria de peregrino. Aparece descalzo e termando, coa man dereita, dun bordón a xeito de vara de mando con empuñadura arestada e remate en pomo, mentres que coa esquerda suxeita un curioso libro de tipo "talega" no que se marcan as nervaduras da encadernación e se decora cunha vieira. Cubre a cabeza cun sombreiro que reproduce o deseño da palla trenzada, de aba volta rematado en punta na fronte onde se decora cunha vieira esquemática. Melena en rizos, barba afeitada policromada e resgos de gran naturalidade que lle outorgan un aspecto sereno. A parte posterior da escultura non está traballada o que evidencia a súa colocación nun retablo.

Diversos aspectos apuntan cara unha adscrición a obradoiros casteláns con forte influencia flamenga. O tipo de libro, caracterizado pola súa encadernación cunha extensión que lle dá forma de bolsa ou “talega” (de aí o seu nome, aínda que tamén se coñece como “libro do peregrino”), foi bastante utilizado entre os séculos XIV e XVI en certas rexións europeas.Constaba dunha funda de recubrimento sobre a orixinal de coiro ou pergameo do propio libro de xeito que se pechaba xeralmente cara ao bordo superior mediante un anel para pendurar da correa da cintura ou simplemente suxeitar cunha man, aínda que existían variantes. Era utilizada por monxes para levar breviarios, damas da nobreza para transportar libros de horas ou comerciantes para os seus libros de contas. A finais do século XVI desaparece progresivamente este tipo de encadernación coa maior difusión do libro por mor da aparición da imprenta. Na actualidade son escasos os exemplares conservados.

Dimensións:
86 x47 x 37 cm. 
Material/soporte:
Madeira tallada e policromada 
Contexto cultural:
Renacemento (1476-1550) 
Autoría:
Escola hispano-flamenga