Diñeiro

Diñeiro

Anv: (vieira) IACOBI (vieira), busto de fronte do apóstolo Santiago cortando a lenda. Debaixo a lenda entre gráfilas de puntos. Rev: REX, león pasante á esquerda, detrás vara rematada por cruz patada, debaixo a lenda. Todo dentro de gráfila de puntos. Ceca: Santiago de Compostela. Eixo: 7. Esta moeda corresponde ao período de Fernando II (1157-1188), rei de León e Galicia, e está dentro das denominadas “moedas concesionarias”, cuñadas polo arcebispo compostelán aproveitando para difundir a imaxe e o culto do apóstolo Santiago e fomentar dese xeito a peregrinación ao santuario galego. Os símbolos xacobeos alternan, coma neste caso, cos propios do monarca.

Desde principios do s. XII existían na Coroa castelán-leonesa as denominadas “moedas concesionarias”. O rei cedía a determinado lugar o dereito de cuñar moeda cos tipos reais ou cambiándoos por uns propios. Estes lugares foron o bispado de Santiago de Compostela (1105, conseguido polo entón bispo Xelmírez), o mosteiro de Sahagún e a catedral de Santo Antolín de Palencia. Foi o primeiro o máis importante e onde os novos arcebispos de Santiago (a partir de 1120) amosan o crecente poder da súa sé metropolitana, apostólica e centro dunha crecente peregrinación, cuñando moeda propia de billón, mantendo o nome do rei nas lendas, e era a súa moeda normalmente dun peso menor á real, o cal podería explicarse ou ben por ter un menor valor en relación ás cuñaxes reais ou por ter un maior contido en prata ca estas. A moeda concesionaria de Santiago acabou en época de Afonso IX (1188-1230).

Dimensións:
Módulo 1,4 cm.
Material/soporte:
Billón cuñado
Contexto cultural:
Idade Media (1157-1188)
Autoría:
Ceca compostelá