Óbolo (medio diñeiro)
Pechar

Óbolo (medio diñeiro)

Anv: + FERNANDVS REX, león pasante á dereita, detrás vara rematada en cruz que corta a lenda. Ao redor a lenda dentro de gráfilas de puntos. Rev: S IA-COBI, barca sobre a que aparece deitado á dereita o corpo do apóstolo Santiago, aos pés as cabezas de dous dos seus discípulos, no centro mastro rematado en cruz que corta a lenda: S(ancti) IA-COBI. Ceca: Santiago de Compostela. Eixo: 4. Esta moeda corresponde ao período de Fernando II (1157-1188), rei de León e Galicia, e está dentro das denominadas “moedas concesionarias”, cuñada polo arcebispo compostelán aproveitando para difundir a imaxe e o culto do apóstolo Santiago, ao tempo que se manteñen símbolos reais. A escena que aparece no reverso é considerada como a máis antiga da translatio do corpo de Santiago. Procede das escavacións arqueolóxicas do xacemento de O Carreiro (San Vicenzo do Grove, Pontevedra). É o único exemplar coñecido polo de agora con esta representación.

Desde principios do s. XII existían na Coroa castelán-leonesa as “moedas concesionarias”. O rei cedía a determinado lugar o dereito de cuñar moeda cos tipos reais ou cambiándoos por uns propios. Estes lugares foron o bispado de Santiago de Compostela (1105, conseguido polo entón bispo Xelmírez), o mosteiro de Sahagún e a catedral de Santo Antolín de Palencia. Foi o primeiro o máis importante deles, onde os novos arcebispos de Santiago (a partir de 1120) amosan o crecente poder da súa sé metropolitana, apostólica e centro dunha crecente peregrinación, cuñando moeda propia de billón, con exclusividade en toda a súa área de influencia, iso si, mantendo o nome do rei nas lendas, e era a súa moeda normalmente dun peso menor á real, o cal podería explicarse ou ben por ter un menor valor en relación ás cuñaxes reais ou por ter un maior contido en prata ca estas. A moeda concesionaria de Santiago acabou en época de Afonso IX (1188-1230).

Dimensións:
Módulo 0,13 cm. 
Material/soporte:
Billón cuñado 
Contexto cultural:
Idade Media (1157-1188) 
Autoría:
Ceca compostelá