Xerra trilobulada

Xerra trilobulada realizada en pastas grises pouco traballadas con abundante desengraxantes micáceos e de seixo. Presenta perfil pechado con fondo plano, corpo globular, colo cilíndrico estrangulado lixeiramente irregular e bordo exvasado. Ten asa vertical en fita situada entre a parte externa do bordo e a metade da panza. Na boca presenta o pico vertedor que lle dá ao recipiente esa característica forma trilobulada con bordo exvasado e beizo entre redondeado e plano. Presenta decoración impresa a base de dixitacións (no interior do bordo e no exterior da peza, no colo) e incisa en pequenos trazos rectos no exterior da asa. Parece realizada a torno rápido ou alto. Ofrece un acabado semellante a un brunido lene. Conserva unha pequena perforación no colo, á altura da asa, quizais como tope para unha medida de referencia dalgunha cantidade de líquido.

Este exemplar corresponde a unha das formas clásicas da olaría plenomedieval caracterizada por desenvolver cacharros de uso común, principalmente para cociña, ou destinadas, coma neste caso a almacenaxe e mesa. O tipo de xerra bicuda mantívose na olaría tradicional galega e aínda hoxe existen formas moi semellantes para conteren líquidos, principalmente viño. Esta cerámica gris obedece a un tipo de produción local, caracterizada precisamente polas súas pastas grises micáceas, que nace no s. XI e perdura no período baixomedieval. Esta xerra foi localizada no interior dun pozo no transcurso da escavación arqueolóxica levada a cabo no lugar onde se atopaba o antigo Hospital dedicado a leprosos no barrio compostelán de San Lázaro, á entrada da cidade, nas inmediacións do Camiño Francés e que fora fundado polo prior da igrexa de Santa María a Real do Sar no ano 1149.

Dimensións:
28,50 x 28,50 x 21,40 cm.
Material/soporte:
Barro cocido
Contexto cultural:
Idade Media (1176-1300)
Autoría:
Taller compostelán