Pechar

Cruz procesional

Cruz en bronce de brazos rectos, expansións ovais e remates flordelisados. Carecede cadrón destacado e dispón dun espigo de ferro para enmangar. No anverso aparece o crucificado executado cun tratamento esquemático. Tres vieiras nas que se marcan as costelas, o umbo e as orellas distribúense polos brazos da cruz, situadas unha a cada lado das mans de Cristo e a terceira na parte central do brazo superior. Nos extremos do brazo horizontal represéntase a Anunciación, coa Virxe na parte da esquerda e na oposta o arcanxo Gabriel (que falta). Remata o brazo vertical unha representación que parece haber que interpretar como a Coroación da Virxe na que recibe o cetro que a confirma como raíña do ceo, ratificado todo polo Espírito Santo que, a xeito de pomba, semella soster a escena. Polo reverso figuran catro vieiras de idéntica factura ás do anverso, xeometricamente espalladas polos brazos da cruz.

Nos momentos finais do gótico prodúcense en Galicia cruces procesionais de materiais moi diversos. As realizadas en bronce proliferaron grandemente por tratarse dun material económico, duradeiro e mesmo reciclable. Na cidade compostelá existían artesáns dedicados á realización de obxectos litúrxicos para abasteceren a demanda dos centros relixiosos da capital, da diocese e tamén da arquidiocese. A artesanía que en Compostela se encargaba da elaboración deste tipo de trebellos en cobre, bronce ou algunha aliaxe semellante era coñecida coa denominación de "dinandería", en relación coa cidade belga de Dinant, ás beiras do río Mosa, onde había importantes artesáns do cobre e do bronce. Como non podería ser doutro xeito, os emblemas propios da peregrinación xacobea proliferan como elementos decorativos.

Dimensións:
50,50 x 33 x 2 cm. 
Material/soporte:
Bronce fundido 
Contexto cultural:
Renacemento (ca. 1500) 
Autoría:
Taller compostelán