Pechar

Clave de bóveda

Clave de bóveda do antigo claustro da catedral compostelá. Na fronte xorde, do interior dunha rosca, o busto dunha figura masculina imberbe cun filacterio. Nas catro esquinas que forman os nervios represéntanse: dous dragóns alados que se cruzan; un cuadrúpede enroscado que parece durmir; unha figura humana axeonllada que sostén sendas cabezas de animais coas súas mans; e un animal serpentiforme que parece devorar un home O detallismo de certos elementos: pelo, plumas, escamas, etc, contrasta con resgos máis torpes como a vestimenta da figura coas cabezas baixo os brazos, etc. Interprétase como unha dicotomía, tan habitual neste contexto. Dunha banda a figura central que custodia e ensina a Palabra, representada pola cartela, doutra o perigo e a loita contra o pecado, quer dun xeito latente: os dragóns e o posible león repousando, quer dun xeito real plasmado no réptil devorando o home e na figura que sostén as cabezas animais.

Dentro do programa de reforma do conxunto catedralicio compostelán que promove o arcebispo Xoán Arias (1238-1266), onda frustrada remodelación da cabeceira e a intervención no pazo arcebispal, figura a construción dun claustro acorde co resto do templo e co refinado do cerimonial litúrxico do momento. A tradición mateana vai condicionar o proxecto que suporá, á súa vez, un referente para outras construcións semellantes. A principios do s. XVI, por mor do estado ruinoso, foi substituído polo actual. Restos significativos do antigo permanecen aínda in situ, outros foron vendidos e unha parte importante reaproveitada como material de construción na obra nova. O coñecemento da edificación débese en boa medida á información arqueolóxicase ben a deficiente difusión dos resultados das intervencións provoca aínda moitas dúbidas sobre diversos aspectos da súa estrutura, do programa iconográfico, das modificacións e engadidos, etc.

Dimensións:
44 x 44 x 29,50 cm. 
Material/soporte:
Granito tallado 
Contexto cultural:
Gótico (ca. 1250) 
Autoría:
Taller compostelán