A catedral de Saint Jacques Le Mineur de Liexa (Bélxica)

A catedral de Saint Jacques Le Mineur de Liexa (Bélxica)

Interior dunha igrexa gótica na que destaca a monumentalidade arquitectónica dos arcos oxivais, das vidreiras e das bóvedas de crucería. A súa verticalidade queda resaltada por comparación coa proporción das figuras humanas que ademais supoñen a integración do costumismo nos distintos tipos de personaxes representados. Os grupos de fieis sitúanse en torno a un templiño gótico (o Jubé das igrexas belgas) coroado polo grupo escultórico do Calvario (desmantelado no século XVIII), que dá acceso á capela principal e ao coro da catedral.

Durante a súa saída ao estranxeiro entre 1840 e 1844, o artista viviu e pintou en Bélxica entre setembro de 1842 e maio de 1843, especificando no seu Diario que entre os días 18, 19 e 20 de marzo de 1943 comezou a pintar no seu estudio de Lovaina o interior de Saint Jacques de Liexa. O óleo con este título realizaríao sobre apuntes tomados previamente do natural, entre eles, o debuxo acuarelado que se conserva no Museo de Belas Artes da Coruña. Aínda que este óleo está datado en París no ano 1846, teríao realizado en 1843 en Lovaina e traído ao seu regreso a España en 1844. Posteriormente levaríao na súa viaxe do ano 1846 a París, para a súa exposición e venda, onde o asinou e datou.

Dimensións:
96,5 x 129,5 cm
Material/soporte:
Óleo sobre lenzo
Contexto cultural:
Romanticismo / 1846
Autoría:
PÉREZ VILLAAMIL , Jenaro (1807-1854)