Xogadores de Naipes

Xogadores de Naipes

Escena de xénero con representación dun grupo de xogadores. Os personaxes, de media figura e vestidos con aparencia teatral, distribúense no primeiro plano arredor dunha mesa. Son iluminados por una intensa luz que acentúa as cores das súas vestimentas respecto dun fondo indefinido máis escuro e neutro. A caracterización realista nos rostros das figuras masculinas convive cun modelado máis clasicista e idealizado na figura feminina. Non obstante, a expresión directa e a espontaneidade nos xestos dos personaxes, xunto coa reprodución maxistral do mantel e obxectos, póñennos en relación directa co naturalismo que caracterizou á pintura de xénero desta época.

No século XVII a pintura de xénero acada un gran desenvolvemento, especialmente nos Países Baixos. No Sur de Europa, Caravaggio e seguidores seus como Bartolomé Manfredi elaboran escenas de estilo popular con representacións de músicos, xogadores, adiviñas ou tabernas, que acadarán unha grande difusión por Europa Occidental especialmente nas décadas de 1620 e 1630. Así, numerosos artistas flamengos (Van Honthorst, de Coster, Seghers, Janssens ou Theodoor Rombouts), que se forman en Italia ou simplemente viaxan a ela, vense claramente influenciados por ese estilo caravaggista, que trasladan aos Países Baixos, onde se fará moi popular, especialmente nas cidades coma Utrecht ou Amberes. Theodoor Rombouts foi un dos artistas máis destacados do chamado estilo tebroso dos Países Baixos do Sur, especializado en pintura de xénero, tipo escenas monumentais de grupo. Realiza esta obra que é un claro expoñente dos modelos caravaggescos tanto polo tema coma pola súa estrutura compositiva. O tema remítenos aos “Xogadores de cartas” de Caravaggio (ca. 1595), que xunto coa “Boaventura” se presentaban como formas relativamente novas para a sociedade romana do momento. O seu tratamento compositivo trae lenes lembranzas de obras súas como “A vocación de San Mateo” que, aínda sendo este un cadro relixioso, está tratado como unha auténtica escena de xénero, de reunión dun grupo de persoas, na liña aquí representada. Dende a pintura de Caravaggio, as partidas de cartas chegarían a constituír case un subxénero por si mesmas. Pintores como Brouwer, George de la Tour, Gerard Seghers, Cornelio de Vos, Ter Borch ou o mesmo Theodoor Rombouts farían as súas propias interpretacións dela. Podemos atopar obras onde se presenta aos xogadores como trampóns ou tafures, tal como pinta Caravaggio e algúns outros artistas; ata visións menos marxinais, sen enganos nin trampas, sendo as mulleres incluso axudadas por cabaleiros que lles escollen as cartas máis adecuadas para a xogada, como ben puidera parecer neste cadro.

Dimensións:
100 x 223 cm
Material/soporte:
Óleo sobre lenzo
Contexto cultural:
Barroco flamengo / 1627[ca]
Autoría:
ROMBOUTS, Theodoor (1597-1637)