Boia somerxible Sanjurjo
Pechar

Boia somerxible Sanjurjo

Trátase dun navío somerxible lanza minas feito en ferro remachado. O seu desprazamento é de 4.25 tm. Con propulsión manual é hélice a proa. Esta boia dotábase de catro cargas de profundidade, remachadas, con capacidade de 100 l. e accionadas por espoletas. Para subministrar aire, Antonio Sanjurjo tamén deseñou un compresor que se amosa no conxunto expositivo.

Empregado para a defensa da Ría de Vigo durante a guerra de Cuba.

O proxecto ve a luz debido o conflito cos EE.UU pola posesión de Cuba, Filipinas e Puerto Rico. Sanjurjo, imbuído do espírito patriótico do momento, participará en distintos eidos. Por unha banda con importantes contribucións económicas a unha subscrición nacional e por outra buscando aloxamento ás tropas apostadas en Vigo. Pero sen dúbida a súa gran achega a esta causa será a construción da boia lanzaminas. A intención era crear un navío que servira como defensa ante un posible ataque dunha escuadra inimiga, e nomeadamente, da defensa das rías contra Estados Unidos. O 12 de Agosto de 1898, realizaría no porto de Vigo as súas probas de mar; ao día seguinte das mesmas fírmase o armisticio. Esas probas, que consistiron en navegar un tempo tanto á boia como mergullado, realizaríanse con éxito e ante un público entusiasta e expectante. Como é preceptivo neses casos, o propio inventor introduciuse no aparello para dirixir persoalmente as manobras, ás que foron invitados en calidade de espectadores de excepción diversas autoridades civís e militares.

Dimensións:
520 x 375 cm 
Material/soporte:
Ferro e bronce 
Contexto cultural:
1898 
Autoría:
Antonio Sanjurjo . TALLERES DE FUNDICIÓN Y CONSTRUCCIÓN LA INDUSTRIOSA. Vigo