Reloxo de poxas do Berbés

Reloxo de poxas do Berbés

Empregado durante a poxa do peixe.

Conxunto formado por un disco de metal sobre soporte posterior de madeira. A superficie do disco aparece subdivida en 10 fraccións. Cada unha delas está fraccionado á súa vez en 0/9. A numeración está disposta na dirección inversa ás agullas do reloxo. Os números están recortados sobre a chapa metálica e cubertos cunha superficie plástica que permite a súa iluminación por detrás. No centro do disco aparecen impresas as letras: FBO, rodeadas do símbolo Omega. Na parte inferior hai situada unha caixa de control. No panel de control figuran unha regreta de interruptores e unha regreta de cifras (grupo de unidades, decenas e centenas). Este reloxo estivo instalado no Porto de Vigo ata a década dos 90, empregado nas poxas do porto do Berbés.

No mes de outubro de 1905, co gallo de poñer fin a varios anos de conflitos entre traiñeiros e fabricantes de conservas sobre o prezo e as medidas empregadas na compra de sardiña, instálase en Vigo o primeiro mecanismo de control da poxa mediante un reloxo. Este sistema será substituído a mediados de século por un aparello mecánico semellante, que actualmente é o que se amosa na exposición permanente do Museo do Mar de Galicia.

Dimensións:
260 X 200 cm
Material/soporte:
Ferro, bronce e madeira
Contexto cultural:
Metade do século XX
Autoría:
Descoñecido. Vigo