Cranio à Bauchène
Pechar

Cranio à Bauchène

Cranio humano desarticulado e montado con todas as pezas fixas a distancia, conservando a súa posición relativa. Mostra os ósos do cranio: catro ósos medios e simétricos (occipital, esfenoides, etmoides e frontal), e dous ósos pares e laterais (os parietais e temporais). Permite observar os tres tipos de dentes e ámbalas mandíbulas.

Utilizada para o estudo da anatomía humana. Os estudos relativos á craniometría tiveron grande importancia no desenvolvemento de dúas disciplinas fundamentais: a Anatomía Comparada e a Antropoloxía. O estudo e medida dos ósos do cranio e dos seus ángulos foi un tema central dos traballos dos máis importantes científicos do século XIX, como Geoffroy Saint-Hilaire e Cuvier. A comparación das medidas da especie humana coas medidas doutros grupos de mamíferos, e a comparación das diversas etnias humanas entre si, foron feitos claves no debate sobre a teoría da evolución presentada por Darwin, especialmente no que se refire ao posible parentesco entre a especie humana e os simios. Bibl.: SISTO EDREIRA, R. (1999), O patrimonio histórico-científico do Instituto Xelmírez I (Santiago de Compostela), A Coruña: Deputación Provincial da Coruña, 85.

Dimensións:
47x39x27,5 cms. 
Material/soporte:
Óso, aceiro, madeira. 
Contexto cultural:
c.a. 1909 (data de compra) 
Autoría:
Les fils d'Emile Deyrolle (París)